Thursday 14 de May de 2026

Neda adhírese, un ano máis, ao Programa galego de vixilancia e control das velutinas


O Concello de Neda vén de subscribir o protocolo de adhesión ao Programa galego de vixilancia e control fronte á avespa asiática (Vespa velutina) en 2026 entre a Xunta, FEGAMP e os concellos galegos. Trátase dunha medida destinada a coordinar, un ano máis, esforzos para dar unha resposta eficaz que permita conter a este insecto invasor, cuxa expansión ten repercusións sobre a apicultura, a biodiversidade e mesmo a seguridade cidadá.
Grazas ao acordo asinado, a veciñanza terá á súa disposición o número de teléfono 012 para avisar dos niños de velutinas que aviste, xestionando a administración autonómica, a través da empresa pública Seaga, a valoración e, no seu caso, a retirada destes.
O acordo establece que a eliminación/ neutralización de niños activos, ou a realización daquelas outras actuacións que procedan para frear a este especie, deberán facerse cun tempo de resolución dos avisos dun máximo de 5 días hábiles.
O persoal da firma sinalada procederá ademais ao sinalamento da localización dos niños inactivos que non se retirarán, co fin de evitar réplicas de avisos.
Pola súa banda, o Concello comprométese a levar a cabo por medios propios, as actuacións necesarias para simplificar e facilitar os labores de retirada se así se require, e a informar á veciñanza sobre o programa galego de retirada de niños de velutinas.

Deja un comentario