Thursday 14 de May de 2026

Talleres, contacontos e experiencias sensoriais na programación de fin de curso da biblioteca municipal


· As actividades comezan este venres, 15 de maio, e desenvolveranse durante os meses de maio e xuño.
· Están dirixidas ao público infantil, con propostas adaptadas para nenas e nenos de entre 0 e 11 anos.

A Biblioteca Municipal de Bergondo deseñou unha programación especial para celebrar o fin de curso, cun total de seis actividades orientadas ao desfrute, a lectura e a creatividade dos máis pequenos.

A axenda de actividades arrincará este venres, 15 de maio, cun taller infantil de creación de coroas primaverais. Esta sesión levarase a cabo en horario de 18.00 a 19.30 horas e está dirixida a menores de entre 4 e 11 anos. A seguinte cita terá lugar o 23 de maio, de 18.00 a 19.00 horas, co contacontos “A cebra Camila”, a cargo de Andrea Peiteado, pensado para o público de 3 a 8 anos. Para pechar o mes, o 30 de maio entre as 11.00 e as 11.45 horas, Marta Ortiz ofrecerá a actividade “Casa, casina, casarón”, enfocada especificamente á primeira infancia (bebés e nenos de 0 a 3 anos).

Xa no mes de xuño, a programación continuará o día 5 coa sesión de contacontos “Un agasallo para Lilí”, dinamizada por Trinke Trinke. Será de 18.00 a 18.45 horas para nenos de 3 a 8 anos. O 12 de xuño, a biblioteca acollerá un novo taller infantil, esta vez centrado na personalización dunha totebag (bolsa de tea). Realizarase de 18.00 a 19.30 horas para participantes de 4 a 11 anos. Finalmente, a axenda de fin de curso concluirá o 20 de xuño pola mañá (de 11.00 a 11.45 horas) co “Paraíso sensorial” que impartirá Ariadna Santana, unha experiencia adaptada para os máis pequenos, de 0 a 3 anos.

As prazas para todas estas actividades son limitadas. As familias interesadas en que os menores participen deben realizar a inscrición de forma telemática a través da ligazón https://docs.google.com/forms/d/1oievxxnnd_-hjeq5gpxhd74mm_zpefa0gg0pogkoi2m/viewform?edit_requested=true

Deja un comentario