Monday 11 de May de 2026

Inés Rey recibe ao Maristas Coruña tras o seu histórico ascenso á Liga Femenina Challenge


A alcaldesa destacou o “orgullo de cidade” que representa o equipo e o seu papel como referente do deporte feminino

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, recibiron este luns no Palacio Municipal de María Pita ao Maristas Coruña tras conseguir o ascenso á Liga Femenina Challenge, un fito histórico para o club e para o deporte coruñés. No acto participaron as xogadoras, o corpo técnico, a directiva e numerosas persoas vinculadas á entidade, ás que o Concello quixo trasladar o seu recoñecemento institucional.

Durante a recepción, Rey puxo en valor “anos de traballo, esforzo e compromiso” dun proxecto que “nunca deixou de crecer”. A alcaldesa lembrou tamén a emoción vivida durante a fase de ascenso disputada esta fin de semana, á que asistiu desde a bancada “coma unha afeccionada máis”.

A rexedora subliñou ademais a importancia do traballo realizado desde a base, tanto pola canteira como por todas as persoas que forman parte do día a día do club. “Os ascensos tamén se constrúen desde a sombra”, sinalou Rey, que agradeceu o labor de familias, persoas voluntarias e profesionais “que están sempre aí”.

Inés Rey destacou tamén o gran momento que vive o deporte feminino na cidade e en Galicia, coincidindo con outros éxitos deportivos desta fin de semana. “O máis importante é que proxectos como o do Maristas inspiran ás novas xeracións e demostran que o deporte feminino non ten teito”, concluíu a alcaldesa, felicitando ao equipo pola súa nova etapa na Liga Challenge.

Deja un comentario