— Representantes da Consellería manteñen reunións de traballo cos responsables de institutos das catro provincias e da Inspección educativa
— Dan conta do Anteproxecto de lei de educación dixital de Galicia e da proposta de acordo para a mellora das condicións do profesorado
Santiago de Compostela, 11 de maio de 2026.- A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP avanza aos equipos directivos de Secundaria os principais avances en materia educativa de cara ao vindeiro curso, como é a futura Lei de educación dixital de Galicia e a proposta para ampliar e intensificar o Acordo de melloras asinado en 2023.
O secretario xeral técnico da Consellería, Manuel Vila; a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, veñen de manter reunións de traballo cos responsables dos centros de Secundaria das catro provincias, así como coa Inspección Educativa, para explicar de xeito pormenorizado as principais liñas de traballo e as novidades neste eido. Precisamente, na xornada de hoxe tiveron lugar as xuntanzas da provincia da Coruña (no Centro Integrado de FP Universidade Laboral en Culleredo) e de Pontevedra (na Delegación Territorial da cidade do Lérez). Estas reunións dan continuidade ás celebradas a semana pasada cos directores da provincia de Ourense (que tivo lugar no , centro territorial do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia), de Lugo (na Delegación Territorial), e coa Inspección Educativa, esta última celebrada en Santiago.
Nos encontros, os representantes da Consellería deron conta da tramitación a futura Lei de educación dixital de Galicia, cuxo anteproxecto se atopa na súa fase final de exposición pública para remisión ao Parlamento. Este marco normativo pioneiro a nivel estatal regulará os dereitos e deberes dos membros da comunidade educativa -administracións públicas, centros, docentes, alumnos e familias- ante os novos retos de transformación social que inciden no ensino. Tal e como se explicou nos encontros, con este texto búscase afianzar o modelo galego de ensino híbrido e reforzar a protección do alumnado fronte aos usos indebidos da tecnoloxía, integrando aspectos clave como a protección de datos e o uso ético das ferramentas dixitais.
Outro dos aspectos tratado nas xuntanzas a nova proposta de melloras educativas de carácter integral para ampliar e intensificar as medidas recollidas no Acordo de 2023. Esta folla de ruta abrangue, entre outros, melloras nas ratios de estudantes por aula na ESO e no Bacharelato, na atención que se presta ao alumnado que máis o precisa e na configuración do horario do profesorado e das súas funcións.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.