O Concello de Carballo continúa coa súa folla de ruta para dotar de servizos básicos a todo o territorio municipal. Co inicio dun novo proxecto para as parroquias de Carballo e Artes, o investimento total en infraestruturas hidráulicas que o goberno local ten en marcha supera xa o millón de euros.
O alcalde, Daniel Pérez, e os concelleiros de Obras e Servizos, Luis Lamas e Miguel Vales, visitaron a última actuación en sumarse a este plan de obras. O proxecto céntrase na instalación dunha rede de saneamento na vía que une A Feira de Verdillo co lugar da Brea. Esta obra é fundamental para dar continuidade aos servizos na zona e asegurar a correcta recollida das augas residuais nunha área de gran tránsito e vivendas dispersas.
A actuación inclúe a execución de dous tramos de tubaxe de saneamento por gravidade, cunha lonxitude total de 750 metros; ademais da instalación de pozos de rexistro e a reposición dos pavimentos afectados. As obras son executadas pola empresa Hordescon, cun orzamento de 120.496,60 € (IVE incluído).
Con esta nova actuación, o paquete de melloras hidráulicas do Concello acada un investimento de 1.038.046,84 euros, e queda configurado do seguinte xeito:
1. Melloras por valor de 364.928,28 euros nas parroquias de Sofán, Oza, Rebordelos e Carballo (ampliación de redes, eliminación de fosas sépticas, melloras de carácter medioambiental, novas redes de pluviais…).
2. Abastecemento en Rus e no polígono industrial de Bértoa: un investimento de 314.999,99 € para instalar 4.800 metros de novas tubaxes de auga potable con sistemas de telexestión de última xeración.
3. Saneamento en Bas (Goiáns e Sísamo): un orzamento de 162.486,89 € para despregar 1.200 metros de rede para conectar Bas coa depuradora do Espiño.
4. Saneamento Feira de Verdillo – A Brea: 120.496,60 € para completar a rede nesta contorna entre as parroquias de Artes e Carballo.
5. Saneamento en Canosa (Rus): unha obra de 75.135,07 € destinada a eliminar vertidos directos ao río e protexer a contorna natural.
En total, o Concello de Carballo está a tramitar a instalación de 9.825 metros de novas canalizacións. “O noso obxectivo é que non quede ningunha vivenda sen acceso a servizos de calidade”, sinala o alcalde, Daniel Pérez. Con estes investimentos, Carballo non só mellora o día a día da veciñanza, senón que se sitúa á vangarda na xestión eficiente do ciclo da auga e na protección ambiental dos seus ríos.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.