Aitor Bouza anuncia unha batería de iniciativas no Parlamento tras reunirse coa plataforma en defensa do Conservatorio Profesional de Danza e acusa ao PP de bloquear unha demanda social e cultural para Compostela.
As e os socialistas reclaman á Xunta “medios e recursos” para evitar que o talento galego teña que marchar fóra para desenvolver a súa carreira profesional.
O secretario xeral do PSdeG de Santiago e deputado no Parlamento de Galicia, Aitor Bouza, anunciou unha batería de iniciativas parlamentarias para reclamar a creación dun Conservatorio Profesional de Danza en Santiago de Compostela, despois de manter unha xuntanza coa plataforma que leva anos reivindicando este centro para a cidade.
Bouza advertiu de que Galicia “non pode ter soamente un conservatorio na cidade de Lugo” e defendeu que Compostela debe contar cun centro profesional de danza “que podería abarcar a moitísimas persoas”, nun ámbito no que, segundo lembrou, Galicia conta con “moitísimas persoas que son de referencia”.
O deputado socialista lamentou que a falta deste tipo de recursos obrigue a profesionais da danza a abandonar Galicia para continuar a súa formación e desenvolver a súa carreira. “A día de hoxe teñen que marchar cara a outras vilas, cara a outras cidades e incluso cara a outros países para poder desenvolver a súa actividade profesional”, advertiu.
Neste contexto, Bouza esixiulle á Xunta que “non soamente se quede en palabras bonitas do seu candidato cando se presenta ás eleccións municipais, o señor Borja Verea”, e reclamou feitos concretos para impulsar o Conservatorio Profesional de Danza en Santiago. O deputado socialista lembrou ademais que, cando o PSdeG levou esta cuestión ao Parlamento de Galicia, o PP “votou en contra nos orzamentos para incorporar unha partida específica para que se fixera este conservatorio aquí en Santiago de Compostela”.
O secretario xeral do PSdeG de Santiago sinalou que esta reivindicación nace do propio tecido social e cultural da cidade e puxo en valor o traballo da plataforma cidadá. “Imos a levar esta cuestión como unha batería de iniciativas e xustamente despois de escoitar ao tecido social”, afirmou, lembrando tamén o labor das persoas que “xa no seu día fixeron unha recollida de sinaturas e tamén fixeron unha reivindicación social”.
Bouza reafirmou ademais o compromiso dos socialistas coa creación deste centro e asegurou que o apoio do PSdeG non responde a unha posición puntual, indicando que “despois de escoitalas reafirmámonos o noso compromiso non só en campaña electoral senón todos e cada un dos días deste ano para que xustamente sexa unha realidade”.
O deputado socialista reclamoulle tamén ao presidente da Xunta que atenda esta demanda e escoite ás profesionais da danza e ao sector cultural galego. “Esiximos o señor Rueda que escoite as demandas non do Partido Socialista senón tamén de todos estes profesionais”, afirmou, criticando que a Xunta aposte por “darlles premios” e “fachendearse do bo talento que temos en Galicia” mentres non pon á súa disposición “medios e recursos como este Conservatorio Profesional de Danza”.
Para concluír, Bouza insistiu en que Compostela merece unha aposta real polas ensinanzas artísticas e defendeu que a creación deste conservatorio suporía unha oportunidade cultural, educativa e profesional para toda Galicia.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.