Saturday 16 de November de 2024

O Teatro Principal acolle a estrea do documental “Sons do Mercado”, sobre o mercadiño de Salgueiriños


A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presentou a estrea do documental Sons do Mercado, sobre o mercado de Salgueiriños, que terá lugar este martes, ás 20:30 horas, no Teatro Principal. Marta Lois estivo acompañada do director da película, Marcos Nine, e do autor da banda sonora, Alejandro Vargas.

En Sons do Mercado, Marcos Nine lanza unha ollada sobre o mercadiño de Salgueiriños, que cada xoves monta neste barrio compostelán. A encarga enmárcase dentro do programa municipal Efecto Proximidade, arredor dos mercado e feiras da cidade, para pór en valor e dinamizar estes espazo social e económico de encontro veciñal e venda.

Marcos Nine é un director, guionista e produtor galego, con varias curtas documentais e longametraxes, coas que ten obtido varios premios Mestre Mateo: á mellor montaxe no 2014 por A viaxe de Leslie, á mellor obra experimental en 2007 por Aaron e á mellor curta documental no 2011 por Manuscritos Pompeanos. Ademais, conta coa banda sonora orixinal de Alejandro Vargas.

O novo programa municipal Efecto Proximidade ten por obxectivo dinamizar os diferentes mercadiños e feiras da cidade, en especial o mercadiño de Salgueiriños. O documental Sons do Mercado é a primeira acción deste programa, pero ademais incluirá medidas como unha programación especial de actividades lúdicas e formativas en verán e Nadal, dirixidas a un público familiar, para favorecer a presenza de familias no mercadiño.

Tamén se instalará unha carpa activa para a realización desta programación lúdica, que cumprirá as funcións de información, promoción e punto de encontro. Na carpa activa mesturaranse exposicións, demostracións e intercambio de coñecementos de diferentes labores, tales como ganchillo, calceta, bordado, costura…

De xeito paralelo habilitarase un espazo web no que se informará sobre as accións que se vaian programando e sirva como punto de recuperación da memoria gráfica do mercadiño. Tamén se continúa a traballar para mellorar outros aspectos do mercado tales como a apertura do aparcamento de pago de TUSSA os días de mercadiño ou a captación de novos postos para o mercadiño que diversifiquen a oferta nel existente.