Monday 11 de May de 2026

Belén do Campo destaca o investimento de máis de 1,2M€ na comarca de Bergantiños Costa da Morte para impulsar 19 cursos AFD dirixidos a mellorar a empregabilidade dos desempregados


A nova convocatoria 2026-2027 destas formacións conta con 60 millóns de euros, ten o prazo aberto ata o 30 de novembro, e aposta por unha formación máis flexible, dual e conectada co mercado laboral

A delegada da Xunta, Belén do Campo, xunto ao alcalde de Laxe, Francisco Charlín, e o director territorial da Consellería de Emprego. Comercio e Emigración, Juan José Couce, visitaron, esta mañá o centro de formación Colaxe para coñecer de primeira man o curso que está a impartir dentro de accións formativas para desempregados (AFD).

Concretamente, esta entidade contou cun apoio de case máis de 52.000 euros, na convocatoria 25-26, para impartir, o curso Atención Sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais. Este curso comezou o pasado 27 de marzo e rematará o 20 de agosto, despois de 528 horas de formación, e conta con 14 alumnos.

Cursos aprobados 26-27
Belén do Campo destacou o esforzo que realiza a Xunta neste tipo de formacións xa que na convocatoria 26-27 xa se aprobaron na provincia da Coruña 209 cursos en 23 municipios sendo os promotores 73 entidades e 6 concellos por un importe de máis 11,3 millóns de euros e, concretamente na comarca de Bergantiños-Costa da Morte, están concedidos 19 cursos por un importe de máis de 1,2 millóns de euros en 9 entidades e nos Concellos de Carballo e A Laracha. Concretamente, 14 cursos en Carballo, 1 na Laracha, 1 en Cee, 1 en Vimianzo, 1 en Zas a 1 en Laxe.

A representante do Goberno autonómico subliñou que o obxectivo destas formacións é mellorar as competencias profesionais das persoas beneficiarias, favorecendo de certificados profesionais con impacto directo na súa inserción laboral.

Nova convocatoria 26-27
Na visita a delegada informou que a Xunta de Galicia ten aberta convocatoria 2026-2027 das Accións Formativas para persoas Desempregadas (AFD), cun orzamento de 60 millóns de euros —ampliado recentemente en 20 millóns para esta anualidade 2026 co obxectivo de reforzar a empregabilidade e dar resposta ás demandas reais de talento do tecido empresarial galego. A medida enmárcase no redeseño integral da formación para o emprego que está a impulsar o Goberno galego, baseado na flexibilización, a axilidade administrativa e unha maior conexión co mercado laboral.

Co reforzo orzamentario, a previsión da Xunta é superar as 10.700 persoas beneficiarias. Por ámbitos formativos, destacou especialmente o peso das accións vinculadas á atención sociosanitaria, administración e xestión, docencia, loxística, metal, comercio e hostalaría, en liña cos sectores onde as empresas galegas presentan maiores necesidades de persoal cualificado.

Os cursos están dirixidos preferentemente a persoas desempregadas, aínda que poderán participar persoas ocupadas ata un máximo do 30 % das prazas, sempre que non se cubran con persoas sen traballo. O prazo de presentación de solicitudes esta aberto desde o 20 de xaneiro ata o 30 de novembro de 2026. O financiamento distribuirase en dúas anualidades: 50 millóns de euros en 2026 e 10 millóns en 2027, para accións formativas que poderán iniciarse este ano e prolongarse no seguinte.

As entidades e centros de formación acreditados para impartir graos A, B e C do Sistema de Formación Profesional e poderán optar ás axudas, que se concederán en réxime de concorrencia non competitiva e contemplan anticipos de ata o 60 %.

A convocatoria garantiza unha oferta formativa dispoñible durante practicamente todo o ano. Entre as novidades, flexibilízanse os requisitos de acceso: as persoas que finalicen unha acción formativa poderán matricularse nunha de nivel superior sen ter que agardar pola expedición do certificado profesional anterior, unha opción que tamén se estende a quen estea pendente da homologación dun título estranxeiro.

Co fin de garantir a conexión directa coa realidade produtiva, cada acción deberá acreditar unha demanda efectiva mínima do 30 % do alumnado, comprometida previamente polas entidades formativas. Ademais, os programas de grao C manterán o carácter dual obrigatorio, de xeito que polo menos o 25 % das horas se desenvolvan en contornas reais de traballo.

Deja un comentario