Monday 11 de May de 2026

A Asociación Carrozas do San Cidre presenta “Carrozas do San Cidre. Costumes, agro e tradición”, un libro que recolle medio século de historia


O libro foi presentado nun acto en Camporrapado coa presenza do alcalde, do secretario xeral da Lingua e dos presidentes das Carrozas e da Fundación Xosé Neira Vilas

O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro; o secretario xeral da Lingua, Valentín García Gómez; o presidente da Asociación das Carrozas do San Cidre, Alejandro Pena; e o presidente da Fundación Xosé Neira Vilas, Fernando Redondo, presentaron esta fin de semana o libro “Carrozas do San Cidre. Costumes, agro e tradición”, editado pola Asociación e que recolle medio século de historia da primeira festa de exaltación dos labores do campo que se puxo en marcha en Compostela. Un acto que tivo lugar na casa da cultura de Camporrapado.

Ovidio Rodeiro destacou que “este libro é un traballo feito con moito agarimo grazas á implicación da veciñanza de Oural, que achegou entrevistas, fotografías e vivencias para preservar unha parte esencial da nosa identidade”. Neste sentido, salientou: “que estes tesouros orais e gráficos da nosa historia poidan ser coñecidos por todos e conservados a través deste libro, é a maior satisfacción que podo ter como alcalde por colaborar na súa elaboración”.

Pola súa banda, Valentín García salientou que “o que máis me impactou desta festa é o proceso de elaboración das Carrozas, cando vin a ilusión que había e a unión entre xente moi nova porque é algo que vén de tan atrás que non é doado de facer. O San Cidre é moito máis ca unha festa, é moito máis que sacar unhas carrozas, é a unión dun pobo onde cada un achega o que pode ou sabe pero o produto final é fantástico”.

Emoción, recordo e sentimento compartido

Finalmente, Alejandro Pena destacou que “este libro nace dende a emoción, o recordo e o sentimento compartido. É o resultado dun traballo feito con moito esmero e agarimo que puido saír adiante grazas á colaboración de todos os veciños e veciñas do Oural, persoas que se prestaron para entrevistas, que compartiron con nós as súas fotografías, que abriron as portas das súas casas e, sobre todo, que nos regalaron horas e horas de conversa onde nos contaron as súas vivencias e lembranzas”. Dende a Asociación agradecen a colaboración de todas as entidades que posibilitaron a edición deste libro: Concello de Boqueixón, Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e Deputación da Coruña; así como a fotógrafos como César e Iria, de CG Producciones, ou Lorena do Merlo, así como aos veciños e veciñas do Oural.

Antes da presentación do libro tivo lugar unha nova proxección do documental sobre os 50 anos das Carrozas do San Cidre, tras o que houbo uns petiscos acompañados por viño Martín Códax, viño oficial da Festa das Carrozas do San Cidre.

A 52 edición da Festa das Carrozas do San Cidre, a primeira que se desenvolverá baixo a distinción de Festa de Interese Turístico de Galicia, terá lugar o sábado 16 e o domingo 17 de maio na parroquia de Oural (Boqueixón). O seu día grande será o domingo, onde a partir das 12:00 horas terá lugar o desfile das Carrozas polas rúas de Camporrapado cara o campo da festa.

Deja un comentario