A exposición traza un percorrido por máis de 30 anos de profesión, con obras feitas exclusivamente para esta cita
David Pintor (A Coruña, 1975) trae ao Kiosco Alfonso a mostra ‘Trazos’, a súa primeira gran exposición na cidade da Coruña, onde o debuxo invade os espazos nas súas diferentes formas: caricaturas, deseños de produto, ilustración editorial, publicidade, ilustración infantil ou debuxos de viaxes. Un percorrido por máis de 30 anos de profesión onde o artista galego reivindica a importancia do debuxo como manifestación artística e comunicativa e demostra a súa versatilidade e as grandes posibilidades que ten esta arte.
A caricatura ten un grande protagonismo neste percorrido profesional. Poderanse ver máis de 30 caricaturas realizadas cunha intención artística e un firme propósito de dignificar esta disciplina. “Desde o Goberno de Inés Rey temos unha aposta decidida por encher os espazos culturais da cidade da obra de grandes nomes das diferentes modalidades artísticas, e David Pintor representa o mellor do debuxo e a ilustración galega”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.
‘Trazos’ é unha mirada ao pasado, a traballos que o artista ten feito para diferentes clientes ao longo dos últimos anos, pero tamén é unha mirada ao presente e ao futuro, xa que se poderán ver unha serie de obras orixinais feitas expresamente para esta ocasión. Debuxos inéditos que ven a luz por vez primeira, nos que David Pintor inicia un camiño de experimentación baseado na liberdade o xogo e a intuición. Unha parte do Kiosco Alfonso estará ocupada por este material, estruturado en varias series dedicadas a Picasso, á música, á danza, á guerra ou á paisaxe.
Na mostra, que abre as súas portas este mércores 13 de maio e poderá verse ata o 19 de xullo, tamén se poderán ver vídeos do artista debuxando e incluso as ferramentas coas que adoita a traballar. Como complemento á exposición, o artista protagonizará un concertoilustrado no que realizará varios debuxos en directo proxectados nunha pantalla e acompañado pola guitarra do músico Ramón Carnota. O evento será o venres 15 de maio ás 20.00h no propio salón de actos do Kiosco Alfonso, con entrada de balde ata completar capacidade.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.