Monday 11 de May de 2026

Aprobado o proxecto para a limpeza, restauración e conservación do Arco de Mazarelos


A voceira do goberno municipal, Míriam Louzao, deu conta en rolda de prensa dos principais asuntos tratados hoxe en Xunta de Goberno, entre os que salientou tamén licenza outorgada para executar a segunda fase da restauración das cubertas das absidiolas da Catedral e a proposta sobre a concesión da senda financeira do FEDER ao Plan de acción integrado Horizonte Compostela.

A Xunta de Goberno Local aprobou na sesión ordinaria deste luns o proxecto para a limpeza, restauración e conservación do Arco de Mazarelos, elaborado pola Oficina Técnica do Consorcio de Santiago. A obra ten un prazo de execución de catro meses e un orzamento base de licitación de 74.062,71 € (IVE incluído), que correrán por conta do Consorcio.

Míriam Louzao indicou que este proxecto aborda a limpeza dos paramentos, a consolidación da fábrica e a eliminación das vías de auga de chuvia da parte superior e dos encontros cos edificios lindeiros e que tamén prevé a eliminación ou recolocación de todos os elementos descontextualizados, como a cablaxe, as placas ou a varanda superior.

Este arco, correspondente á porta da muralla exterior pola que entraba a vía procedente de Ourense, é o único que fica no seu lugar. Consta citado no Códice Calixtino como Porta Merecellis e a tradición di que por aquí entraba o viño do Ribeiro e tamén o cereal de Castela.

“As fachadas do arco están marcadas polas reformas que se realizaron na muralla entre os séculos XVI e XVII e tamén polas reparacións que se fixeron no século pasado, utilizando morteiro de cemento”, sinalou a voceira, e apuntou que o proxecto conta xa co ditame da Comisión Asesora do Patrimonio Histórico e cos informes favorables dos servizos urbanísticos municipais e da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia.

Restauración das cubertas das absidiolas da Catedral

Por outra banda, o goberno local outorgou licenza á fase II da restauración das cubertas das absidiolas da Catedral. O prazo previsto de obra é de sete meses e o orzamento de execución material de 281.393,96 euros.

A portavoz municipal explicou que consonte ao seu nivel de protección (BIC e catalogado co nivel 1 do Plan especial da Cidade Histórica), a Catedral conta cun plan director, aprobado en 2009. “Este documento recolle o estudo das patoloxías existentes no edificio e ordena as propostas de actuación clasificándoas segundo a súa prioridade, situando entre as secundarias as referidas ás cubertas das capelas da ábsida”, concretou Louzao.

A partir da intervención no Pórtico da Gloria en 2010 e ata 2021 realizáronse diferentes actuacións nas cubertas que agora se completan coas zonas que quedaron sen restaurar na cabeceira do templo:

• Sancristía da capela de San Pedro e almacén da Arquiconfraría, xunto ao patio da Porta Santa.

• Capela da Concepción ou da Prima e a súa sancristía, ao carón da capela románica de San Bartolomeu.

• Capela do Espírito Santo e a súa sancristía.

• Capela de Santo André e corredor de acceso á capela da Corticela.

“Estas cubertas teñen neste momento diferentes solucións -pedra granítica con morteiro, laxas de lousa, tella cerámica curva e forxados de formigón pavimentados con chapa plana de xisto- e unha xeometría alterada con encontros que están provocando filtracións de auga”, apuntou Míriam Louzao.

A intervención proxectada á que agora o Concello dá licenza baséase na que se desenvolveu durante a primeira fase, en 2017. Substituirá estas cubertas, con sistemas construtivos do derradeiro terzo do século XX, axustando a súa xeometría, empregando tella cerámica curva con zonas puntuais de pedra para facelas transitables e resolvendo con láminas metálicas de cinc os encontros e canles. Prevese actuar tamén nas fiestras exteriores dalgunhas capelas.

O proxecto conta coa resolución favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e tamén co ditame da Comisión Asesora de Patrimonio Histórico.

Ademais, a Xunta de Goberno outorgou este luns licenzas as seguinte actuacións urbanísticas:

• Construción dunha nave industrial na rúa de Estremadura, 8

• Reforma das fachadas do edificio situado na rúa da Rosa, 22

• Reforma dunha vivenda na rúa do Coto Nai, 79

• Segregación dunha parcela no lugar da Pena, en Aríns

• Reforma dun local en planta baixa para destinalo a vivenda na rúa do Monte dos Postes, 47

• Mellora da accesibilidade do edificio situado na rúa de Montero Ríos, 35

• Reforma da vivenda municipal que se acordou dedicar para residencia e atención a mulleres vítimas de violencia de xénero

Horizonte Compostela

A Xunta de Goberno aprobou tamén a proposta da Unidade de Xestión de Fondos Externos sobre a senda financeira asignada ao Plan de acción Horizonte Compostela.

Míriam Louzao lembrou que o Concello presentou unha solicitude para a asignación de fondos FEDER ao Plan de acción integrado Horizonte Compostela, que recolle actuacións incluídas na Axenda Urbana de Santiago en relación coa zona norte da cidade.O 16 de xaneiro de 2026, a Dirección Xeral de Fondos Europeos resolveu definitivamente a convocatoria asignándolle a Santiago 8.730.304 €, o que equivale a un investimento público de 14.550.506 €.

Segundo o previsto nas bases da convocatoria, as entidades beneficiarias deben adoptar a condición de organismo intermedio lixeiro (OIL) para a selección das operacións cofinanciadas. Para exercer esta condición cómpre someter á avaliación da Subdirección Xeral de Desenvolvemento Urbano dous documentos: a descrición de funcións e procedementos e o manual de procedementos. No primeiro descríbense as obrigas que asume o Concello e os procedementos que levan asociadas e que implican, por exemplo, a separación entre a unidade que asume a selección de operacións e as que as van executar. O segundo documento detalla os principais fitos en relación coas obrigas adquiridas (avaliación do risco de fraude, procedemento para garantir a asusencia de conflito de intereses, canle de denuncias, procedemento para aprobar actuacións etc.).

O 1 de abril de 2026, e tras a avaliación dos documentos, a Subdirección Xeral de Desenvolvemento Urbano designou formalmente o Concello como OIL.

“Consecuentemente, a Xunta de Goberno, na sesión de hoxe tomou conta da resolución definitiva da convocatoria e da notificación pola que se designa o Concello de Santiago como organismo intermedio lixeiro, do que resultan aceptadas as condicións dos fondos e a quedan aprobados os documentos anteditos, que lle atribúen á Unidade de Xestión de Fondos Externos as funcións derivadas desta designación como OIL”, explicou a portavoz municipal.

Festa dos Maiores

Así mesmo, adxudicouse o contrato para o xantar da Festa dos Maiores á empresa Casa Taboada Restaurante e Cátering S.L, única oferta presentada, cun prezo unitario por comensal de 34,21 €. O gasto comprometido polo Concello para esta actividade ascende a 64,608.50 €.

A Xunta de Goberno xa aprobara previamente o prezo público para asistir a este xantar, o 16 de maio dentro das Festas da Ascensión, que quedou fixado en 10 €. As entradas están á venda na billeteira do Teatro Principal.

Outros asuntos

Tamén no tocante á contratación, declarouse deserta a licitación dun servizo para a esterilizar gatos sen propietario de colonias urbanas, que tiña un orzamento máximo de 14.999,99 euros e que foi publicada o 19 de febreiro na Plataforma de Contratación do Sector Público, para ser resolta por procedemento simplificado.

Presentouse unha única empresa que non acreditou estar inscrita en prazo no Rexistro Oficial de Licitadores e Empresas Clasificadas do Sector Público (ROLECE) nin no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma, tal e como esixe o artigo 159.4 a) da LCSP.

Por outra banda, o goberno local acordou conceder unha ampliación do prazo para executar o proxecto de mellora do acceso e saneamento básico para a comunidade de Llano Grande, municipio de El Triunfo, departamento de Choluteca, en Honduras, que o Concello subvenciona a través da Fundación Humanitaria dos Rotarios Españoles.

Esta subvención foi concedida o 23 de decembro de 2025 dentro da convocatoria de cooperación ao desenvolvemento, outorgándolle un importe total de 40.000,00 euros e cun prazo de execución que remataría o 15 de xuño de 2026. A nova data de finalización do proxecto o 15 de xullo de 2026.

No relativo a subvencións rexeitouse un recurso interposto pola Asociación Veciñal Mestra Victoria Míguez contra o acordo da Xunta de Goberno Local polo que se aprobaron as xustificacións das axudas a entidades veciñais para programas e actividades realizadas en 2025.

Esta asociación resultou beneficiaria, de acordo coas bases da convocatoria, dunha subvención por importe de 3.000,00 €, que implicaba a xustificación de gastos por un total mínimo de 3.600 €. Como resultado da comprobación da documentación, o importe considerado correctamente xustificado foi de 1.488,17 €, o que representa un 41,34% do importe total, deixando o importe que debía percibir a entidade en 1.240,14 €.

O 5 de maio, a asociación recorreu o acordo polo que se aprobaron as xustificacións das axudas e reclamou a totalidade do importe concedido. O informe técnico-xurídico que avalía a pertinencia da reclamación analiza os documentos presentados en relación cos requisitos das bases e expón as razóns de exclusión dalgúns gastos por corresponderen a bebidas alcohólicas, equipamento inventariable, non estaren correctamente acreditados ou excederen dos importes máximos para pagamentos en efectivo.

Por vía de urxencia, a Xunta de Goberno acordou o pagamento ao exalcalde Ángel Currás por gastos de defensa xurídica a cantidade de 41.944,65 euros máis o IVE.

Deja un comentario