Monday 11 de May de 2026

O Concello de San Sadurniño organiza para os próximos días catro rutas a pé e unha en bicicleta


O sol loita para chegar onda nós nunha guerra sen cuartel que, de momento, van ganando as nubes. Levamos máis dun mes de primavera e, si ou si, terá que facerse notar nalgún momento. As predicións van nesa liña e, se ben aínda se agardan chuviscas para os próximos días, todo apunta a que as raiolas irán furando pouco a pouco o ceo ata facerse con el. En calquera caso, e aínda chovendo e todo, a primavera convídanos a andar por fóra e a dar longos paseos ao aire libre. Algo que podemos facer na compaña de máis xente e, de paso, descubrir lugares nos que igual nunca estivéramos. Ese é o cometido das catro Camiñadas parroquiais programadas polo Concello desde este mércores. Para participar nelas non fai falla inscrición, abonda estar en cada punto de saída nos días e nas horas sinaladas. Ah, e cómpre lembrar que o último domingo deste mes de maio tamén temos a xa clásica ruta cicloturista en familia.

As Camiñadas parroquiais son paseos ao aire libre aptos para todas as idades, relativamente curtos -entre 3 e 6 quilómetros de distancia- e cun nivel de dificultade baixo, posto que discorren por pistas e camiños en bo estado e sen demasiado desnivel.

O Concello organizou catro andainas que partirán dos locais sociais ás 16:00h. As rutas comezan este mércores 13 de maio en Santa Mariña con punto de partida e de chegada no local social da Golpilleira. As seguintes serán o venres 22 de maio en Lamas, o mércores 27 en Naraío e, a última, o xoves 11 de xuño en San Sadurniño, con saída de diante da Casa do Concello.

Desde o departamento de Deportes aconséllase levar roupa cómoda, chaleco reflectante, calzado sen tacón que non sexa de estrea para que non nos faga vexigas ou rozaduras -o ideal é aquel que protexa os nocellos-, calcetíns de algodón, gorra, bebida e algo de comer. Na actividade farán de guía os grupos de ximnasia de mantemento das respectivas parroquias.

Para participar non fai falla inscrición previa nin tampouco é obrigatorio acudir a todas as rutas, aínda que si moi recomendable como maneira de facer un exercicio ben levadeiro e de descubrir o territorio compartindo a experiencia con outras persoas. Para máis información pódese chamar ao teléfono do Ximnasio municipal, 647 491 371.

Ruta Cicloturista en familia
A outra proposta que temos á volta duns días, o domingo 31 de maio, é a Ruta Ciclista en Familia. Sairá sobre as 11:00h de diante do CPI de San Sadurniño e será, coma sempre, un percorrido moi doado de aproximadamente 15 quilómetros e un desnivel suave de 125 metros, apto para participantes de diferentes condicións físicas.

A actividade está aberta a maiores de 6 anos e ofrécense 140 prazas que se cubrirán por orde de solicitude. A inscrición é totalmente gratuíta e inclúe a cobertura dun seguro de accidentes, ademais dun agasallo especial para todas as nenas e nenos que participen no traxecto.

O prazo para apuntarse está aberto ata o 26 de maio ás 14:00 horas a través desta ligazón e cómpre ter en conta que non se admitirán novas altas o mesmo día da ruta. Será obrigatorio o uso do casco e que a rapazada de entre 6 e 12 anos vaia na compaña dunha persoa adulta.

Esta ruta ciclista está organizada polo Concello de San Sadurniño coa colaboración do club MTB Biela e Chaveta e, de feito, con ela estréase unha programación dedicada ás dúas rodas que se prolongará até pasado o verán. De aquí a outubro teremos dúas BTT, a Cronoescalada Sanrockeira e, como novidade, a I Ruta Ciclista dos Castelos, que se desenvolverá en xullo. Neste programa inclúese, ademais, un trail de montaña, unha carreira a pé e unha andaina. Toda a información xa está dispoñible na web do club: bielaechaveta.gal.

Deja un comentario