• “Para que Paderne avance hai que escoitar á súa xente”, sinalaba no balance desta iniciativa Sergio Platas.
• A veciñanza presentou un total de 199 suxestións.
A iniciativa ‘Un café co alcalde’ remata cuns datos que dan valor ao porque do seu nacemento. Esta proposta chegou ás nove parroquias do concello, que congregou a 400 veciños e veciñas. Desde a primeira sesión, celebrada a finais de marzo, ata a derradeira do pasado venres, en Quintas, recolléronse un total de 199 suxestións, das que moitas xa están en marcha.
O goberno local impulsou ‘Un café co alcalde’ co obxectivo de crear un espazo de diálogo coa veciñanza de Paderne. Os protagonistas do programa foron os veciños e as veciñas, quen por primeira vez, puideron contar cun espazo informal para falar de maneira distendida co alcalde, Sergio Platas, e o seu equipo de goberno sobre o concello e máis concretamente, sobre a súa parroquia.
“Desde o noso goberno estamos realmente contentos e contentas pola acollida desta primeira edición. A xente amosouse tremendamente disposta e contribuíu de maneira activa en todos os lugares”, destacou o rexedor.
O 27 de marzo comezaba en Velouzás esta andaina, que logo chegou a Viñas, Souto, Vigo-Samede-Esperela, Paderne-Obre, Vilamourel, Adragonte e Quintas. A veciñanza das nove parroquias do concello puido plantexar as súas dúbidas e presentar as súas demandas ao primeiro edil e ás concelleiras e concelleiros do goberno Ángel Germade, Marisa Abrodos e Rafa Castro.
“Para que Paderne avance hai que escoitar a súa xente”, sinalaba Sergio Platas, facendo balance deste novidoso programa no contexto padernés. “Con este proxecto queríamos coñecer a perspectiva de quen vive en cada zona do municipio, recoller as demandas e actuar. Escoitar debe ser o piar fundamental sobre o que sustentar toda acción de toma de decisións desde as Administracións públicas.”
Das nove paradas, anotáronse 199 propostas centradas en temas de obras, servizos e melloras a nivel xeral. O equipo de goberno non deixou correr o tempo e xa comezou coa execución dalgunhas delas.
“Estamos comprometidas, demostrámolo en numerosas ocasións e ‘Un café co alcalde’ é a viva proba de que primeiro escoitamos e logo actuamos”, indicou Platas.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.