Monday 11 de May de 2026

Neda anuncia a creación dunha lista de emprego para a cobertura de prazas de oficial de mantemento – conserxe


O Concello de Neda anuncia a creación dunha lista de persoal aspirante a funcionario interino, persoal laboral, ou por programas específicos para prazas de oficial mantemento – conserxe, ou oficial mantemento, mediante o sistema de oposición. A publicación hoxe no BOP da Coruña implica que dende este martes se poderá solicitar a participación nas probas selectivas.

A medida adóptase co obxectivo de cubrir futuras necesidades, ao esgotarse a lista anterior por estar traballando a única persoa que a constitúe. Poderase tirar da lista para a cobertura deses postos con carácter interino (vacantes, baixas, vacacións, exceso ou acumulación de tarefas, execución de programas de carácter temporal…)

As funcións a desenvolver nas prazas de oficial mantemento-conserxe van dende asumir a apertura, peche e control do acceso ás dependencias municipais, ou realizar tarefas materiais de auxilio á función administrativa; ata levar a cabo tarefas de mantemento e pequenas obras en edificios e infraestruturas municipais, pasando pola clasificación do correo ou a atención ao público.

Poderán solicitar tomar parte no proceso persoas con nacionalidade española ou con aquelas outras que permite a Lei de emprego público de Galicia, que teñan capacidade e aptitude física e psicolóxica para levar a cabo as tarefas. Deberán ter un mínimo de 16 anos; dispor do título de graduado/a en educación secundaria obrigatoria ou equivalente; e non ter sido separadas mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración Pública nin estar inhabilitadas para o desempeño de empregos públicos.

A oposición constará de tres exercicios, de carácter obrigatorio e eliminatorio (un tipo test sobre o temario proposto, un ou varios exercicios práctico relacionados coas tarefas propias dos postos a cubrir e a proba de galego, no caso de non dispor do Celga 3).

As bases da convocatoria poden consultarse no taboleiro de anuncios da sede electrónica municipal e as solicitudes para tomar parte nas probas selectivas poderán presentarse no rexistro municipal ata o 25 de maio.

Deja un comentario