Monday 11 de May de 2026

Carballo rescata a memoria da fotografía popular coa estrea da curtametraxe documental “Cardoña, fotos a 7 pesetas”


• A película, dirixida por Carlos Lorenzo, homenaxea a José Gestal García, o fotógrafo ambulante que documentou a vida nas feiras e parroquias do século XX

• A proxección terá lugar este mércores 13 de maio ás 20:00 h, cun coloquio posterior co director

O auditorio do Pazo da Cultura converterase este mércores, 13 de maio, ás 20:00 horas, nun escenario para a nostalxia e o recoñecemento histórico coa proxección da curtametraxe documental Cardoña, fotos a 7 pesetas. A peza, obra do director Carlos Lorenzo, recupera a figura de José Gestal García (1918-2003), coñecido popularmente como “Cardoña”, un personaxe fundamental para entender a memoria visual das zonas de Carral e Carballo.
“Cardoña” non era un fotógrafo de galería nin de estudio burgués; era un “obreiro da foto”. Cun equipo humilde e unha vontade inquebrantable, percorreu durante décadas festas, feiras e aldeas, capturando os rostros de veciños e familias que, doutro xeito, nunca terían un retrato. O título do documental, “fotos a 7 pesetas”, fai referencia ao prezo popular que cobraba por aquel tesouro en papel que hoxe habita en miles de marcos e álbums familiares.
O documental de Carlos Lorenzo non só repasa a biografía de Gestal, senón que reflexiona sobre o papel social destes fotógrafos ambulantes e o valor que hoxe ten o seu legado para afondar no coñecemento da Galicia rural do século XX. A obra chega a Carballo tras un exitoso periplo por festivais internacionais, acadando recoñecementos en certames de India, Venezuela e o prestixioso OUFF de Ourense.
Encontro co autor
A proxección, enmarcada na programación A través da lente, contará coa presenza do propio Carlos Lorenzo, que ofrecerá unha presentación previa e participará nun coloquio co público ao rematar a proxección.
A entrada será libre ata completar a capacidade do auditorio. Esta cita é unha oportunidade única para lembrar como era o acto de fotografarse e para que as novas xeracións descubran o valor documental que gardan as fotos antigas das súas familias, un obxectivo compartido polo proxecto municipal Carballo na memoria, que, precisamente, o sábado 16 fará escala no centro social de Imende para recompilar imaxes das parroquias de Noicela e Rebordelos.

Deja un comentario