Marta Abal advirte de que máis de 50 traballadoras e traballadores continúan sen cobrar salarios de 2025 e 2026 e acusa ao Goberno de Sanmartín de “normalizar a precariedade” nun servizo esencial para a cidade.
A concelleira socialista reclama solucións urxentes, transparencia co persoal afectado e unha aposta decidida por recuperar os Centros Socioculturais como espazos fundamentais de convivencia, participación e cohesión social nos barrios e no rural.
A concelleira do Grupo Municipal Socialista Marta Abal denunciou a “situación absolutamente inaceptable” que continúa vivindo o persoal da Rede de Centros Socioculturais de Santiago, con salarios pendentes de cobro correspondentes aos anos 2025 e 2026, e advertiu de que o grupo socialista “non vai permitir que esta situación quede no esquecemento nin se normalice”.
Abal lembrou que as e os socialistas xa denunciaron esta problemática en anteriores ocasións, pero insistiu en que “imos seguir facéndoo todas as veces que sexa necesario porque estamos falando de máis de 50 traballadoras e traballadores afectados por unha situación intolerable nun servizo esencial para Compostela”.
A concelleira advertiu de que esta situación “evidencia a mala xestión que o Goberno municipal está a facer da Rede de Centros Socioculturais”, e reclamou que se adopten medidas inmediatas para resolver os atrasos salariais. “Os salarios deben aboarse de maneira inmediata e o Goberno municipal ten a obriga de aclararlle ás traballadoras e traballadores cando van cobrar as cantidades que se lles adebedan”, sinalou.
Neste sentido, Marta Abal criticou que o persoal “non pode seguir soportando esta situación de incerteza permanente”, especialmente nun contexto no que os Centros Socioculturais desempeñan unha función social fundamental na cidade.
A edil socialista puxo tamén o foco no deterioro progresivo da propia rede e reclamou recuperar o papel que historicamente desempeñaron estes espazos. “Os Centros Socioculturais sempre foron auténticos vertebradores territoriais e sociais de Santiago, especialmente nos barrios e no rural”, afirmou.
Para Abal, estes equipamentos municipais “son espazos fundamentais de convivencia, participación, cultura e cohesión social”, polo que advertiu de que o seu debilitamento “ten consecuencias directas sobre a vida comunitaria de Compostela”.
Por todo iso, o Grupo Municipal Socialista esixiu ao Goberno da señora Goretti Sanmartín “responsabilidades, solucións inmediatas e unha aposta clara por reforzar a Rede de Centros Socioculturais”, garantindo tanto os dereitos laborais do persoal como a continuidade e calidade dun servizo que consideran clave para a cidade. “Compostela merece uns Centros Socioculturais fortes, activos e ben xestionados, e merece tamén un Goberno municipal que estea á altura da importancia destes espazos para a veciñanza”, concluíu Abal.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.