A alcaldesa María Sampedro presidiu este tradicional evento
Ademais do xantar, houbo música e misa solemne
O Concello de Ribeira celebrou no día de hoxe o Encontro das Persoas Maiores coa participación duns 900 comensais que sentaron á mesa no complexo deportivo da Fieiteira convertido en salón de eventos para a ocasión. As persoas asistentes foron recibidos por membros do goberno municipal presidido pola alcaldesa, María Sampedro.
“Podería dicir que hoxe vós sodes os protagonistas, pero sempre o fostes porque Ribeira é o municipio que hoxe coñecemos grazas a vós, todos nós somos quen somos por vós. Espero que as xeracións máis novas e as futuras esteamos á altura do voso legado. O que si me podo comprometer é a que asumimos o voso testemuño con total respecto coa pretensión de que Ribeira siga medrando e mellorar a calidade de vida dos nosos veciños” declarou a rexedora durante a súa intervención.
Tamén tivo palabras similares o concelleiro de Servizos Sociais, Vicente Mariño, para quen “hoxe non celebramos só unha comida.
Hoxe celebramos unha xeración enteira. Unha xeración que levantastes Ribeira con esforzo, sacrificio e traballo. Vós sodes o xerme da Ribeira que hoxe coñecemos. A Ribeira traballadora. A Ribeira do mar. A Ribeira loitadora. A Ribeira das familias que sacaron adiante esta cidade con moitísimo esforzo. Nada do que somos existiría sen vós.”
Tralas palabras de benvida, procedeuse a dar conta do menú composto de primeiro prato con camaróns, cigalas e navalla; segundo prato con carrillera ibérica con pataca, sobremesa e bebidas variadas.
Despois a velada prolongouse ata a noite coa música de Dani DJ, un profesional local.
Ademais, con anterioridade ao xantar, oficiouse a misa solemne na igrexa parroquial de Santa Uxía cantada pola Coral Polifónica Municipal.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.