A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, asistiu esta mañá á tradicional cerimonia da Función do Voto, unha das citas máis emblemáticas do calendario relixioso e histórico da cidade herculina. Esta conmemoración mantense viva desde o ano 1589, cando os coruñeses, no contexto da defensa fronte ao ataque do corsario inglés Francis Drake, se puxeron baixo a protección da Virxe do Rosario.
Desde aquela xornada marcada pola resistencia e a unidade da veciñanza, a cidade renova cada ano esta mostra pública de gratitude e devoción cara á súa patroa, perpetuando unha tradición fondamente arraigada na memoria colectiva coruñesa.
O acto desenvolveuse na igrexa de Santo Domingo, onde tivo lugar a solemne celebración eucarística que congregou ás autoridades e aos fieis para render homenaxe á Virxe do Rosario.
Durante a súa participación, Belén do Campo puxo en valor o significado desta cita, sinalando que “a Función do Voto simboliza a identidade dunha cidade que soubo medrar mantendo intacto o vínculo coas súas raíces, coa súa historia e coas tradicións que forman parte do seu patrimonio común”.
A representante do Goberno galego engadiu ademais que a Coruña “é exemplo de modernidade, dinamismo e apertura, pero tamén de respecto por aqueles episodios e costumes que explican o carácter e a personalidade da cidade ao longo dos séculos”.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.