Sunday 10 de May de 2026

A Xunta constituirá a vindeira semana a Mesa do Diálogo Social para abordar as primeiras medidas en relación ao absentismo e ao benestar laboral


— José González apela a ir implantando melloras para reducir o impacto do absentismo como a nova Estratexia de Benestar Laboral, no marco do Diálogo Social que se vén de institucionalizar e do proceso de deseño do plan integral anunciado polo presidente

— Dentro dese proceso, avanza que a próxima semana se constituirán tamén as mesas e grupos de traballo do Diálogo Social que abordarán materias como o absentismo e o benestar laboral ou a prevención de riscos laborais e a redución da sinistralidade

— Destaca que a vindeira semana tamén se publicará no DOG a primeira orde autonómica que —cun orzamento inicial de 1,5 M€— promoverá a rehabilitación de vivendas para persoas traballadoras en concellos de menos de 20.000 habitantes

— Todo nun contexto marcado, segundo o conselleiro, pola “boa evolución do mercado laboral galego cara á creación de emprego de calidade”, tras rexistrar o abril máis baixo da serie histórica en canto ao paro e o máis alto en afiliacións á Seguridade Social

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, avanzou hoxe que a vindeira semana se constituirá a Mesa do Diálogo Social que se vén de institucionalizar e comezará a abordar as primeiras medidas para reducir o impacto do absentismo laboral en Galicia. Nunha entrevista na Radio Galega, fixo fincapé na importancia de ir implementando melloras “de xeito consensuado a través do Diálogo Social” como a próxima Estratexia de Benestar Laboral, dentro do proceso de deseño do plan integral para abordar o absentismo e o benestar laboral anunciado polo presidente Alfonso Rueda no Parlamento.

Recordando o informe de expertos das universidades de Santiago e Vigo que reflicte un impacto anual de 4.200 M€ por mor do absentismo —atendendo ao custo para as empresas e a Seguridade Social e ao efecto no PIB—, o conselleiro afirmou que un “goberno serio e responsable como a Xunta” ten que poñer enriba da mesa a problemática, consciente de que hai marxe de mellora en diferentes ámbitos dentro das competencias autonómicas. Sempre, insistiu, da man de patronal e sindicatos e respectando o dereito irrenunciable das persoas traballadoras a estaren de baixa ante unha enfermidade ou accidente laboral e a que o sistema lles dea cobertura ata que se recuperen.

Así, co propósito de abordar o absentismo, González avanzou que a próxima semana se constituirán as mesas e grupos de traballo do Diálogo Social xa institucionalizado, que tratarán materias como as políticas activas de emprego, o absentismo e o benestar laboral ou a prevención de riscos laborais e a redución da sinistralidade. Nese mesmo encontro, porase sobre a mesa o borrador da nova Estratexia de Benestar Laboral, co obxecto de consensuar coa patronal e as centrais sindicais o deseño desta folla de ruta que incidirá, entre outros aspectos, na prevención do absentismo polo seu impacto na produtividade. “Cando estamos convencidos a Administración autonómica, os sindicatos que participan no Diálogo Social e os empresarios, creo que entre todos temos que traballar para buscar solucións nos diferentes ámbitos nos que podemos actuar”, conclúe.

Orde de vivenda
O conselleiro tamén anunciou na entrevista que a próxima semana, en concreto o venres 15 de maio, sairá publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) a orde conxunta das consellerías de Emprego, Comercio e Emigración e de Vivenda e Infraestruturas que —cun orzamento inicial de 1,5 M€— promoverá a rehabilitación de vivendas en concellos de menos de 20.000 habitantes para logo alugar ou ceder o seu uso a persoas contratadas por empresas que conten con centros de traballo en Galicia. González falou dunha convocatoria pegada ao territorio, tendo en conta que a distancia entre as vivendas rehabilitadas e os centros de traballo non poderá ser superior a 15 km. Dixo que se contemplan “axudas importantes, no caso das vivendas unifamiliares, de ata 50.000 euros o e 90 % do custo da rehabilitación”.

O titular de Emprego enmarcou a convocatoria no modelo autonómico de retención e captación de talento para facer fronte á escaseza de man de obra, do que forman parte iniciativas como o programa Retorna Cualifica Emprego, cuxas persoas beneficiarias se priorizarán, precisamente, no marco da nova orde. Aproveitou para recordar que está pendente desde o Goberno central a transferencia da competencia en materia de autorizacións iniciais de traballo das persoas de terceiros países, para seguir avanzando na cobertura de vacantes, de xeito ordenado e regular, da man das empresas e pola vía da integración sociolaboral.

Mercado laboral
Centrándose nunha perspectiva a medio e longo prazo, o conselleiro falou tamén da “boa evolución do mercado laboral galego cara á creación de emprego de calidade”, tras rexistrar o abril máis baixo da serie histórica en canto ao paro e o máis alto en afiliacións á Seguridade Social. José González recalcou que “estamos xerando emprego e amosando o carácter resistente deste mercado” no contexto internacional actual, “mostrando a boa saúde da nosa estrutura empresarial”, concluíu.

Deja un comentario