Sunday 10 de May de 2026

Laxe impulsa a mellora da senda entre Santa Rosa e a praia de Soesto para reforzar a seguridade e a conservación do entorno


O proxecto permitirá renovar o firme, instalar unha nova pasarela peonil e evitar o acceso de vehículos nun dos espazos naturais máis visitados do municipio

O Concello de Laxe continúa avanzando na posta en valor dos seus espazos naturais e turísticos coa presentación do proxecto técnico de mellora da senda municipal que conecta Santa Rosa coa praia de Soesto, unha actuación destinada a mellorar a seguridade, a accesibilidade e a conservación ambiental dun dos percorridos máis emblemáticos do municipio.

A intervención realizarase ao longo do camiño que discorre en paralelo á costa e que une Santa Rosa co acceso sur á praia de Soesto, unha zona moi frecuentada tanto por veciños e veciñas como por visitantes, especialmente durante a época estival. O proxecto contempla a renovación integral do firme, actualmente deteriorado polo paso indebido de vehículos, así como a reposición e mellora dos elementos de madeira existentes na senda.

Entre as actuacións previstas inclúese a limpeza e acondicionamento dos marxes do camiño, a retirada de travesas deterioradas, a execución dun novo firme granular adaptado ao entorno natural e a instalación de rollizos e travesas de madeira para reforzar a delimitación do percorrido. Ademais, construirase unha nova pasarela peonil de madeira sobre o regato existente na zona, cun deseño integrado na paisaxe e pensado exclusivamente para o tránsito peonil.

O proxecto tamén prevé a colocación de elementos de sinalización e pivotes para impedir o acceso de turismos e quads, un dos principais problemas detectados nos últimos anos e que provocou importantes danos na senda. O acceso desmontable permitirá, non obstante,
a entrada de vehículos de emerxencia cando sexa necesario.

Desde o Concello destacan que esta actuación permitirá seguir mellorando a experiencia das persoas que desfrutan deste espazo natural, ao tempo que se garante a protección ambiental dunha contorna situada en áreas de especial valor paisaxístico e ambiental, incluídas dentro da Rede Natura 2000.

O investimento previsto ascende a máis de 86.000 euros e o prazo estimado de execución das obras será de tres meses desde o inicio dos traballos.

Deja un comentario