— A conselleira María José Gómez visitou hoxe a zona na que se executaron os traballos para controlar a erosión e mellorar as infraestruturas existentes, nos que se investiron 47.000 euros
— Reafirmou o compromiso do Goberno galego pola recuperación e restauración do monte con tarefas de consolidación de solos e redución da escorrentía superficial, así como de acondicionamento de pistas, limpeza de cunetas ou instalación de albarradas
— Recordou que desde a Consellería convocáronse ata oito liñas de axudas para paliar os danos en explotacións gandeiras, agrícolas e forestais, das cales xa se tramitaron máis de 800 solicitudes e se mobilizou un orzamento de máis de 7,5 millóns de euros
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou hoxe o concello de Toques para comprobar os traballos executados para controlar a erosión e mellorar as infraestruturas forestais existentes, concretamente en case 11 quilómetros de dez pistas danadas polos incendios do pasado verán, cun investimento de 47.000 euros. Destacou que esta é unha das moitas labores de restauración que se están a desenvolver por parte do Goberno galego para recuperar as zonas afectadas.
Neste sentido, detallou que se realizaron tarefas de consolidación de solos e redución de escorrentía superficial, a través da técnica de acolchado de palla, coñecida como mulching, en zonas prioritarias identificadas polo CSIC en Ourense e Lugo; así como o acondicionamento de pistas forestais, a limpeza de cunetas ou a instalación de albarradas por toda Galicia. No seu conxunto, salientou que todas estas actuacións supuxeron un investimento de preto de 1,6 millóns de euros.
Tamén lembrou que se tramitaron 13 expedientes de restauración hidrolóxico-forestal, con especial atención á provincia de Ourense; e que se desenvolveu un plan de alleamento de madeira comercial que abrangue máis de 6.200 hectáreas, cun volume global superior aos 930.000 m3 cun prezo de adxudicación de case 13,5 millóns de euros.
A partir de agora traballarase na identificación das zonas onde será necesario acometer investimentos específicos de restauración forestal, dirixidos a reforestar zonas sen capacidade de rexeneración natural. Tamén se manterá un seguimento continuo do estado fitosanitario do arborado, co fin de detectar con rapidez posibles riscos derivados da debilidade das masas tras os incendios.
Axudas para os afectados
A conselleira puxo en valor que o Goberno galego apoiou desde o primeiro momento aos afectados polos lumes. Recordou que desde a Consellería convocáronse ata oito liñas de axudas para paliar os danos en explotacións gandeiras, agrícolas e forestais, das cales xa se tramitaron máis de 800 solicitudes e se mobilizou un orzamento de máis de 7,5 millóns de euros.
A maiores, tamén incidiu na importancia da prevención dos incendios e destacou que este ano increméntase nun 50 % o investimento nesta materia, chegando ata os 75,38 millóns de euros. Puxo en valor que unha boa parte dese orzamento destínase á execución do novo convenio de xestión da biomasa nas faixas secundarias, asinado con Seaga e dotado con 25 millóns de euros, o dobre que no anterior. Deste xeito, refórzase o apoio a particulares e administracións locais no cumprimento das súas obrigas na xestión da biomasa.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.