Sunday 10 de May de 2026

Luís Pérez Barral: “O BNG seguirá defendendo a residencia pública nas rúas e nas institucións”


O BNG de Ribeira realizou este sábado unha acción informativa nas rúas da cidade para trasladar á veciñanza a información oficial confirmada polo Goberno do Estado: non existen trabas legais para construír a residencia pública de maiores de Coroso, un proxecto no que xa se investiron máis de 800.000 euros públicos.

Militantes e representantes do Bloque repartiron dípticos explicativos entre a veciñanza, nunha xornada que estivo marcada pola boa acollida e polo interese mostrado pola veciñanza arredor dunha infraestrutura fundamental para as persoas maiores de Ribeira e da Barbanza.

O portavoz municipal do BNG e exalcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, destacou que “a resposta da xente foi moi positiva porque existe unha preocupación polas pretensións do Partido Popular de bloquear a residencia das Saíñas”. Segundo indicou, “moitas persoas trasladáronnos o seu apoio e tamén a súa indignación pola pretensión de querer levar a residencia ao monte e polo tempo perdido cun proxecto tan necesario para Ribeira”.

Pérez Barral lembrou que o BNG “leva anos defendendo esta infraestrutura con rigor, con propostas e facendo xestións diante das distintas administracións”, e subliñou que “hoxe sabemos oficialmente o que o Bloque sempre sostivo: que non había impedimentos legais para executar a residencia de Coroso”.

“O máis grave”, sinalou o portavoz nacionalista, “é que mentres o BNG traballaba para desbloquear o proxecto e defender os intereses da veciñanza, o Partido Popular de María Sampedro preferiu instalarse no bloqueo e nas escusas”. Nese sentido, insistiu en que “Ribeira non pode permitirse seguir perdendo oportunidades nin recursos públicos por interese partidista”.

Desde o BNG aseguran que continuarán impulsando iniciativas para que a residencia pública sexa unha realidade “o antes posible”, defendendo un modelo de servizos públicos “digno, accesible, ben conectado co transporte público e pensado para garantir a calidade de vida das persoas maiores e das súas familias”.

“O noso compromiso é seguir na rúa e nas institucións, informando con transparencia e defendendo os intereses de Ribeira por riba de todo”, concluíu Pérez Barral.

Deja un comentario