Sunday 10 de May de 2026

O Museo do Gravado de Artes viaxa a un dos clásicos de Jules Verne a través das ilustracións de Ignacio Hernández Suñer


 A institución museística expón por primeira vez tódolos orixinais que conserva de Viaxe ao centro da terra

Continuando coa celebración do seu 25 aniversario, o Museo do Gravado de Artes procedeu hoxe coa apertura dunha nova exposición que se poderá visitar ata principios do mes de agosto: Jules Verne. Viaxe ao centro da terra. Trátase dunha mostra de 65 debuxos á augada orixinais do debuxante Ignacio Hernández Suñer, coñecido comunmente como Íñigo, realizados a finais da década de 1950.

O MUGAR expón por primeira vez tódolos orixinais que conserva do libro, pero entre os seus fondos tamén se atopan debuxos de Íñigo para 20.000 leguas de viaxe submarina, Don Quixote da Mancha e As mil e unha noites. Todas eles foron base de álbums ilustrados, de cromos e de adaptacións de novelas clásicas para a editorial Archivo de Arte.

Durante a súa intervención, a concelleira de Cultura, Ana Barreiro, declarou que “esta mostra non só representa unha viaxe ao centro da terra como o título da peza literaria, senón que tamén é unha viaxe á nosa infancia. Resulta magnífico contemplar estes debuxos que tan ben escenifican as palabras plasmadas por Verne sobre as páxinas.”

Esta exhibición artística eríxese como unha alternativa para desfrutar dun clásico literario a través dunha narración visual na que predomina o coidado polo detalle no trazado e o dominio da cor.
“Unha marabillosa exposición para desfrutar coa familia, cos máis pequenos da casa. Deste xeito, pódense achegar á obra de Verne, á disciplina artística do gravado e, por suposto, a toda a arte canta ten que ofrecer o MUGART”, manifestou a edil.

Deja un comentario