– O Consello Escolar Municipal non se reuniu nen unha soa vez no que vai de mandato.
– É o órgano que debería axudar a buscar solucións aos problemas que afectan á comunidade educativa.
– Debería ser o foro para estudar asuntos como a redución de persoal de apoio, as listas de agarda das escolas infantís, o deficiente mantemento, ou as novas taxas de uso do comedor escolar que previsiblemente establecerá a Xunta.
– A ausencia de convocatorias deste órgano é unha mostra máis do desprezo do Goberno do PSOE pola participación cidadá nos asuntos públicos.
O BNG de Culleredo, perante o cada vez maior número de problemas que ameazan os centros de educación públicos do noso Concello, demanda a convocatoria do Consello Escolar Municipal, máximo órgano de participación cidadá en materia educativa.
Malia as peticións reiteradas realizadas polos nacionalistas durante a presente mandato municipal, o Goberno Municipal non convocou o Consello Escolar unha soa vez. Isto aumenta a indefensión das familias ante medidas como a redución de persoal de apoio nos centros, ou a nova ameaza de aumento do prezo do comedor escolar en Tarrío para o alumnado de Educación Infantil procedente da zona urbana no vindeiro curso.
Tamén debería ser o lugar onde abordar asuntos como as listas de agarda nas escolas infantís ou as contínuas queixas dos consellos escolares dos distintos centros do noso Concello referidas ao deficiente mantemento, e por qué non se dan solución a demandas que se repiten todos os anos.
O Consello Escolar está constituído por representantes de tódolos sectores que deberían estar implicados no bo funcionamento do sistema educativo: pais, nais, profesorado, alumnado e administracións con competencias educativas. Á vista da conflitividade existente non se entende a negativa do Goberno de Rioboo a convocar este órgano, onde poder pór en común as problemáticas existentes e buscar o xeito de abordar a súa resolución.
Para o voceiro nacionalista, Tono Chouciño, “o Goberno Municipal parece non preocuparse moito polos problemas que un día si e outro tamén nos trasladan distintos membros da comunidade educativa. Hai todo un traballo de apoio aos distintos colectivos e de busca de solucións que está orfo de referentes neste goberno municipal. E é esa precisamente a labor que o Consello Escolar Municipal pode facer, antes mesmo de que os problemas se fagan evidentes e sexa xa demasiado tarde para esquivalos”.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.