A proba disputarase durante a tarde do vindeiro sábado, 7 de maio
O Concello de Frades ampliou ata o vindeiro xoves, 5 de maio, o prazo de inscrición da súa III Carreira Pedestre Popular, que se celebra durante a tarde do sábado, 7 de maio. A decisión tómase para facilitar aínda máis a participación na proba, que na mañá deste luns xa se aproximaba ás duascentas persoas inscritas.
As inscricións poden efectuarse ata as 23:59 horas do xoves (noite do xoves ao venres) na web www.emesports.es. As anotacións nas probas escolares son totalmente gratuítas (pitufos, prebenxamíns, benxamíns, alevíns, infantís, cadetes e xuvenís –é dicir, de catorce ou menos anos) mentres que nas demais categorías (júnior, promesa, sénior e veterano) deben achegar 5 euros.
A carreira está organizada polo Concello de Frades e pola Federación Galega de Atletismo, en colaboración coa Deputación da Coruña, Carreiras Galegas e Correr en Galicia. É unha proba de 8,6 quilómetros en ruta, na súa categoría absoluta, con saída e chegada na praza pública de Ponte Carreira.
Premios
O Concello de Frades destina un total de 1.225 euros en premios para os cinco primeiros clasificados da categoría absoluta (250, 150, 100, 75 e 50 euros) e para os tres mellores equipos tanto na categoría masculina como feminina (150, 100 e 50 euros). A clasificación por clubs será establecida a través da suma dos puntos acadados polos seus seis primeiros corredores en cruzar a liña de meta. Os equipos poderán ser mixtos e, para puntuar, será preciso que cando menos 8 corredores do club logren acabar a carreira.
Ademais dos premios en metálico, haberá trofeos para os tres primeiros clasificados de cada categoría, tanto para homes como para mulleres. O Concello de Frades tamén entregará trofeos especiais ao club-entidade-colexio que aporte máis corredores e trofeo para os tres primeiros clasificados/as empadroados en Frades. Todos os participantes escolares recibirán medalla.
Os equipos, clubs e centros que desexen optar aos premios en metálico, ademais de formalizar a inscrición de cada atleta na web www.emesports.es, deberán remitir un mail a FGAsantiago@gmail.co cos datos do club e co listado de atletas que participarán na proba selado pola Federación Galega de Atletismo, ou a delegación correspondente. Sen este mail non poderán optar aos premios en metálico.
Probas
A III Carreira Pedestre Popular Concello de Frades desenvolverase a partir das 16:30 horas na contorna da praza pública de Ponte Carreira. A proba principal, con saída ás 18:30 horas, percorrerá 8,6 quilómetros en ruta, que combina asfalto e terra e que terá saída e chegada na praza pública de Ponte Carreira. Os atletas correrán cun chip que lles será entregado no momento de recoller o dorsal e que deberán entregar unha vez crucen a meta. Os dorsais poderán recollerse na Secretaría da Competición, emprazada na praza de Ponte Carreira, ata media hora antes da proba. Haberá servizo de vestiario e de duchas a disposición de todos os atletas no polideportivo municipal.
As probas escolares darán comezo ás 16:30 horas coa categoría Pitufo (nados en 2012 e posteriores) que farán un percorrido de 300 metros (unha volta á praza). Ás 16:40 horas será a quenda dos prebenxamíns (nados entre 2009, 2010 e 2011), que percorrerán 500 metros. Os benxamíns (2007-2008) e alevíns (2005-2006) sairán ás 16:50 e ás 17:00 horas, respectivamente, para percorrer unha distancia de 800 metros. Ás 17:15 horas tomarán a saída dos infantís (2003-2004), cun percorrido de dous quilómetros. Finalmente, este ano correrán separados os cadetes (2001-2002) e os xuvenís (1999-2000), cun percorrido de 3 quilómetros que farán ás 17:35 e ás 18:00 horas, respectivamente.
O Concello de Frades entregará medallas a todos os participantes escolares, de pitufo a xuvenil), así como unha camiseta conmemorativa. Tamén haberá un avituallamento con froita e bebida ao remate da proba.
A III Carreira Pedestre Popular Concello de Frades está organizada polo Concello de Frades e a Federación Galega de Atletismo. Conta coa colaboración de: Deputación da Coruña, “Galega 100%”, Cooperativa Leiteira de Frades, Feiraco, Infantilandia, Camba Distribuciones SL, Pepsico, Nutri Sport, Eurofrut, Erimsa, Carreiras Galegas e Correr en Galicia.