— O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou esta mañá a Feira Galega de Artesáns que se celebra ata mañá domingo e na que participan 13 obradoiros inscritos en Artesanía de Galicia
— Este evento forma parte dun calendario de feiras de venda directa impulsadas pola Asociación Galega de Artesáns (AGA) co apoio da Xunta que se celebran en diferentes localidades galegas ata o mes de setembro
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, achegouse esta mañá ata a Feira Galega de Artesáns de Sigüeiro (Oroso), que se celebra coincidindo coa XVIII Festa da Troita. Na feira, que estará aberta ata mañá domingo en horario de 11,00 a 21,00 h., participan 13 obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e especializados na marroquinería, na bixutería, na serigrafía, no téxtil e na manipulación de papel.
En concreto, trátase dos obradoiros Laura Gallardo (Santiago de Compostela), D Rositas (Rois), Casperlota (Paderne), Barro&Co (Vilarmaior), Chueco (A Coruña), Jerolas (Curtis), Azulgris (Ferrol), Dona Formiguiña (A Estrada), Art Design (Lugo), Como pez en el agua (Vigo, Liño e lá (Gondomar) e os obradoiros Silvereira e Joiasos, procedentes de Ames.
A Feira Galega de Artesáns está organizada pola Asociación Galega de Artesáns (AGA) co apoio da Xunta a través da Fundación Artesanía de Galicia, e forma parte dun calendario de feiras de venda directa que se van desenvolver en diferentes localidades galegas ata o mes de setembro. Esta colaboración realízase a través dun convenio entre a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e AGA co obxectivo de impulsar a comercialización do produto artesán galego, consolidar a marca Artesanía de Galicia e dinamizar o comercio e o turismo en diferentes localidades.
Ata o mes de setembro deste ano está previsto celebrar 12 feiras de venda directa, protagonizadas exclusivamente por profesionais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía da Xunta de Artesanía de Galicia. Ata o de agora xa se realizaron as feiras en Ferrol, en Padrón, en San Sadurniño e en Ribadavia e están confirmadas xa as datas destas feiras na Estrada (o 17 de maio coincidindo coa Festa do Salmón), en Ribadeo (do 19 ao 21 de xuño), en Foz (do 3 ao 5 de xullo), en Ribeira (os días 20 e 21 de xullo, coincidindo coa Festa da Dorna) e en Ponteareas, os días 5 e 6 de setembro.
O obxectivo destes eventos é achegarlle o produto artesán galego á sociedade, consolidar a marca Artesanía de Galicia, contribuír á dinamización cultural, económica e turística de cada zona e ofrecerlle aos artesáns un espazo de venda directa de calidade en diferentes zonas de Galicia.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.