· Ambas as actuacións, na parroquia de Guísamo, perseguen resolver os problemas crónicos de inundacións durante as épocas de choiva.
· En Sobre a Igrexa habilitouse ademais unha nova zona de parada de curta duración para facilitar o acceso á parada de autobús da N-6.
· O investimento conxunto para a execución de ambos os proxectos rolda os 47.000 euros.
O Concello de Bergondo concluíu os traballos de renovación e mellora da rede de pluviais nos núcleos da Brea e Sobre a Igrexa, ambos os situados na parroquia de Guísamo. Estas intervencións responden as demandas veciñais para dar unha solución definitiva ás acumulacións de auga e desbordamentos que se rexistraban historicamente en ambos os puntos durante os episodios de choivas intensas.
Na zona da Brea, onde se realizou un investimento de 22.381,78 euros, os traballos consistiron na execución dun novo colector de pluviais deseñado para captar de forma eficiente a escorrentía superficial. Para logralo, distribuíronse estratexicamente unha serie de sumidoiros que evitan que a auga se acumule no punto máis baixo da rúa e entre nas edificacións da zona.
Ademais, esta nova infraestrutura funciona agora como reguladora da rede de augas residuais. Con iso, o Concello soluciona os desbordamentos que ata a data afectaban gravemente tanto ás construcións limítrofes como á estrada nacional N-VI. A intervención concluíu coa reposición completa do firme en todas as zonas afectadas pola instalación das tubaxes.
Pola súa banda, a actuación finalizada en Sobre a Igrexa, que contou cun orzamento de 24.776,29 euros, puxo fin aos desbordamentos sobre a plataforma viaria. Para iso, instalouse un novo colector, que se completou coa construción de cinco pozos de rexistro e a instalación de nove sumidoiros, cancelando á súa vez dous sumidoiros da rede antiga.
Máis aló da mellora na drenaxe subterránea, o Concello aproveitou esta obra para acondicionar as marxes da calzada, pavimentando os bordos para ampliar o espazo transitable para os peóns. O proxecto tamén incluíu a creación dun espazo específico de parada de vehículos de curta duración (máximo 15 minutos). Esta nova zona, debidamente sinalizada con pintura viaria amarela e sinalización vertical, busca facilitar aos veciños o intercambio de transporte debido á proximidade deste vial coa parada de autobuses situada na N-6. O mesmo que na Brea, os traballos finalizaron coa pertinente reposición do firme asfáltico nas zonas intervidas.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.