O Concello de San Sadurniño iniciou hai uns días a execución do proxecto de mellora paisaxística das instalacións municipais da Cortiña e do Pazo da Marquesa. Unha denominación xenérica que prevé actuacións na leira da Cortiña, na horta de conservación de froiteiras “Carlos Fornos”, no Arboreto e no contorno da Casa do Concello e os seus xardíns, co obxectivo de vertebrar e potenciar estes espazos como principal recurso de disfrute e interpretación ambiental da zona urbana… e mesmo do concello. Trátase dunha iniciativa municipal que contempla, ademais, actuacións en materia de eficiencia enerxética e sostenibilidade que suporán un investimento total cercano aos 370.000 euros, impostos incluidos, financiados integramente con fondos NextGenerationEU canalizados a través dos convenios da Transición Xusta para zonas afectadas pola descarbonización.
As máquinas da adxudicataria levan uns días traballando nos arredores da horta de froiteiras e da finca da Cortiña inmediata ao Centro de Día, onde se vai habilitar un aparcamento situado a continuación da área de servizos para autocaravanas -algo que solicitaron varias viaxeiras e viaxeiros usuarios-, onde tamén se instalará un punto para a limpeza e mantemento básico de bicicletas.
Debido ao desenvolvemento dos traballos, a área de autocaravanas permanecerá pechada durante as próximas semanas, tal e como se lles indica desde hai varios días ás viaxeiras e viaxeiros a través do Google Maps.
Dentro do espazo da horta de conservación Carlos Fornos, o proxecto xa en marcha prevé a creación dun novo almacén refrixerado de froita para prolongar a conservación das colleitas de temporada. Na zona tamén se construirá unha caseta de “apiterapia” -quizais unha das innovacións máis rechamantes- na que poder relaxarse escoitando o zoar das abellas e ulindo o aroma das colmeas que cómpren unha función de polinización fundamental para a colección de froiteiras.
A renovación da horta complétase coa mellora dos accesos á finca, xunto coa instalación dun sistema solar fotovoltaico que alimenten as instalacións e que tamén poidan verter o excedente á rede eléctrica.
No caso do Arboreto de especies autóctonas ampliarase o contido da Fraga Máxica -un dos grandes atractivos de San Sadurniño para as familias de toda a comarca-, renovaranse os carreiros interiores e incluso se dedicará un dos campos á creación dun “bosque comestible” (outra das propostas innovadoras) onde se plantarán árbores, arbustos e plantas que dean froitos variados, susceptibles de ser apañados e degustados pola veciñanza e visitantes que paseen pola beira do Xubia.
Intervencións no contorno do Concello
O proxecto presentado ás axudas do Convenio da Transición Xusta das Pontes incorpora, por último, actuacións nas inmediacións da Casa do Concello e os xardíns municipais. As máis relevantes son a mellora do parque infantil existente na parte baixa do recinto, a plantación de máis especies no espazo dispoñible á sombra das palmeiras, a instalación de sebes vexetais no borde dos sendeiros interiores.
A obra tamén servirá para a impermeabilización do estanque inferior, actualmente baleiro para evitar filtracións, e para dotar de mobiliario urbano a parte dianteira da EIM A Rolada e do Centro Municipal de Empresas.
O investimento total ascenderá a 374.774,39 euros, impostos incluídos, que se financiarán na súa totalidade cos fondos NextGenerationEU dos Convenios da Transición Xusta das zonas afectadas polo peche de centrais térmicas. Dos traballos está encargándose a construtora Guerreiro Somozas S.L., despois de impoñerse por prezo e prazo de execución a outra empresa que tamén se presentou á licitación convocada polo Concello.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.