Sunday 10 de May de 2026

O Concello organiza actividades de concienciación contra as violencias LGTBIfóbicas nos centros escolares


Co gallo do 17 de maio, Día Internacional contra a LGTBIfobia, o Concello de Oleiros pon en marcha un ano máis a súa campaña de sensibilización, desta vez baixo o lema “Diversidade de presente, orgullo de futuro”, co obxectivo de promover o respecto, a convivencia e a inclusión da diversidade afectivo-sexual e de xénero desde idades temperás.

No marco desta iniciativa, instalaranse Puntos Arco Iris nos recreos dos centros de ensino; espazos de información, sensibilización e acompañamento nos que o alumnado poderá achegarse para participar en pequenas dinámicas, resolver dúbidas e acceder a materiais divulgativos. Ademais, desenvolveranse obradoiros en aula dirixidos ao alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria e de 1º e 2º da ESO, adaptados a cada etapa educativa, a través de metodoloxías participativas e dinámicas.

No caso do alumnado de primaria, as actividades centraranse na importancia da comprensión e do respecto á diversidade, a identificación de situacións de LGTBIfobia —tanto explícitas como sutís—, a convivencia inclusiva e a promoción de relacións baseadas na empatía e os coidados.

Pola súa parte, co alumnado de secundaria traballarase especialmente o pensamento crítico, a detección da desinformación e dos discursos de odio, así como a reflexión sobre cuestións como a presión por ter opinión sobre todo, a tendencia a buscar respostas simples a realidades complexas ou a idea de que todas as opinións teñen o mesmo valor. A través destas dinámicas, preténdese ofrecer ferramentas para analizar a información, cuestionar estereotipos e posicionarse fronte a situacións de discriminación.

As actividades desenvolveranse nos distintos centros educativos do municipio entre o 11 e o 22 de maio, contribuíndo a facer dos espazos escolares contornas máis seguras, inclusivas e libres de discriminación.
Con esta campaña, o Concello de Oleiros reafirma o seu compromiso coa igualdade e coa construción dunha sociedade na que todas as persoas poidan ser e sentir con liberdade.

Deja un comentario