A rexedora e a edil de Turismo aproveitaron o encontro para volver chamar a atención das distintas administracións sobre a necesidade de coordinar esforzos e estratexias para optimizar as capacidades do sistema aeroportuario galego.
Neste sentido, Sanmartín Rei reclamou á Xunta de Galicia que asuma “unha posición de país para a coordinación do conxunto dos aeroportos galegos” e poña en marcha unha política estratéxica “para mellorar a situación da conectividade xeral en Galicia”. A alcaldesa valorou a mudanza de postura do Goberno galego nos últimos tempos a respecto das axudas para a promoción turística, pero considera que tanto a iniciativa como as cantidades anunciadas son insuficientes. Así, a alcaldesa compostelá convidou a Xunta a “dar un paso para liderar as necesidades e intereses do país no ámbito da mobilidade e a conectividade aérea”.
Do mesmo modo, Goretti Sanmartín e Míriam Louzao utilizaron esta reunión do Comité para lle reclamar ao Estado melloras na conectividade entre os tres aeroportos de Galicia, co obxectivo, alén de incrementar o tráfico de pasaxeiros, de potenciar o de mercadorías. En relación con este ámbito, a rexedora recordou que “levamos tempo demandando que a estación de mercadorías da Sionlla poida ser unha realidade, así como a ligazón ferroviaria entre o aeroporto Rosalía de Castro e o centro da cidade de Santiago”.
Pola súa banda, a edil de Turismo, Míriam Louzao, sinalou que a reunión permitiu ao Concello de Santiago expor “cuestións que se poden mellorar na situación do noso aeroporto e do conxunto do sistema aeroportuario de Galicia”. A edil lembrou que o Concello traballa “desde hai moito tempo e en solitario” para captar rutas e ampliar as conexións do aeroporto Rosalía de Castro, que representa en definitiva “un incremento da conectividade aérea xeral para toda Galicia”.



