Sunday 10 de May de 2026

Amplíase ata o vindeiro martes o prazo para presentar candidaturas para a XXIV Gala do deporte de Neda


Atendendo ás peticións realizadas por particulares e por algún club, o Concello amplía ata o vindeiro martes, 12 de maio, o prazo para a presentación de candidaturas para a XXIV Gala do deporte de Neda. As propostas deberán ter en conta e achegar os resultados oficiais obtidos na tempada 2024-2025.

Co ánimo de facilitar ao máximo a participación, o goberno local ofrece este prazo adicional de tempo para que calquera persoa física ou xurídica, asociacións, centros educativos, entidades públicas e privadas relacionadas coa actividade física e co deporte propoñan ao Concello nomes de deportistas locais de calquera disciplina que, á vista dos seus logros na citada tempada, merezan un recoñecemento público.

Como vén sendo habitual, na gala do deporte nedense distinguirase ao mellor ou á mellor deportista da localidade, así como ás mellores promesas masculinas e femininas (menores de idade con opcións a converterse en grandes deportistas). Ademais, segundo consta nas bases da convocatoria, poderá haber mencións especiais para “equipos, adestradores, directivos, entidades públicas ou privadas, e agrupacións” que sobresaian polo seu labor de promoción, apoio e desenvolvemento do deporte.

Na web municipal pode descararse o modelo oficial de instancia, que deberá presentarse debidamente cuberto no rexistro oficial do Concello, de forma presencial ou a través da sede electrónica. Poden optar ás distincións deportistas federados/as que residan en Neda ou con algún tipo de vínculo co municipio.

Deja un comentario