A representante do Goberno autonómico destacou que esta intervención permitirá actuar ao longo de máis de 9,13 quilómetros, renovando unha infraestrutura moi utilizada tanto polas veciñas e veciños como polos numerosos vehículos que circulan diariamente cara ao litoral muxián
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada pola directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Begoña Freire, informou hoxe da licitación das obras de reforzo de firme na estrada AC-440 ao seu paso polo Concello de Muxía, unha actuación na que o Goberno galego investirá preto de 514.000 euros para mellorar o estado do pavimento e reforzar a seguridade viaria neste importante eixo de comunicación da Costa de Morte e que beneficiará directamente aos 4.326 veciños deste municipio.
A representante do Goberno autonómico destacou que esta intervención permitirá actuar en varios treitos desta vía autonómica ao longo de máis de 9,13 quilómetros, renovando unha infraestrutura moi utilizada tanto polos veciños e veciñas como polos numerosos vehículos que circulan diariamente cara ao litoral muxián.
Belén do Campo subliñou que se trata dunha actuación “moi necesaria para seguir mellorando as condicións de circulación, incrementar a comodidade dos usuarios e, sobre todo, reforzar a seguridade viaria nunha estrada fundamental para a mobilidade diaria do municipio”.
A delegada incidiu en que a Xunta continúa dando resposta ás necesidades de conservación da rede autonómica de estradas, priorizando aqueles puntos nos que o paso do tempo e o uso continuado fan preciso renovar o firme para garantir unha circulación en mellores condicións.
As obras previstas en Muxía centraranse na regularización da calzada, o recrecido do pavimento e a reposición das zonas máis deterioradas, empregando mesturas bituminosas en quente e tratamentos específicos segundo o estado de cada treito. Ademais, completarase a actuación coa reposición da sinalización horizontal e a instalación de resaltos nas liñas de carril fóra dos ámbitos urbanos para optimizar a visibilidade e a seguridade.
A representante autonómica lembrou ademais que non será necesario realizar expropiacións, xa que todos os traballos se desenvolverán dentro da franxa de dominio público, e avanzou que o prazo estimado de execución será de seis meses unha vez adxudicadas as obras a previsión é poder estar executando os traballos este verán.
Belén do Campo puxo en valor que “investir na conservación das estradas é investir en cohesión territorial, en calidade de vida para os veciños e veciñas e tamén en oportunidades para sectores estratéxicos como o turismo, a pesca ou a actividade económica vinculada ao territorio”.
Actuación global en dez concellos da provincia
A delegada explicou que a intervención prevista en Muxía forma parte do proxecto global de reforzo de firme para a mellora da Rede Autonómica de Estradas da provincia da Coruña.
En total, o Goberno galego investirá máis de 3,5 millóns de euros nun conxunto de actuacións que permitirán renovar preto de 65 quilómetros de oito estradas autonómicas ao seu paso por dez concellos: A Baña, Cabana de Bergantiños, Cee, Fisterra, Laxe, Muros, Muxía, Santa Comba, Vimianzo e Zas.
Estas obras beneficiarán directamente a máis de 55.000 habitantes e teñen como obxectivo actuar nos treitos que presentan maior grao de deterioro para mellorar a seguridade viaria, a comodidade da circulación e a durabilidade do firme.
Belén do Campo concluíu destacando “o firme compromiso da Xunta co mantemento continuo da rede viaria autonómica, cunha planificación que permite actuar de maneira equilibrada en todo o territorio e seguir ofrecendo aos cidadáns unhas infraestruturas máis seguras, modernas e funcionais”.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.