Sunday 10 de May de 2026

O segundo pase do concerto Grandes Iconas soará no 5 de xullo dentro da programación polo Día do Orgullo de Ribeira


 Levaranse ao escenario temas de cantantes referentes para o colectivo LGTBIQ+

O Concello de Ribeira atópase traballando xa na programación para conmemorar o Día do Orgullo LGTBIQ+, no 28 de xuño, e avanza xa unha das actividades que integrarán o cartel: o concerto Grandes Iconas, da orquestra Sons. Os temas de Alaska, Rocío Jurado, Queen, Tino Casal ou Raffaella Carrà soarán nas voces dun cento de artistas no 5 de xullo, ás 20.00 horas, no novo Auditorio municipal; unha actuación que se repite dado o éxito do pase feito no mes de febreiro.

A concelleira de Igualdade, Ana Barreiro, na compaña da directora do Centro de Información á Muller (CIM), Loli Crujeiras, explicou que “decidimos incorporar esta proposta musical na programación polo Día do Orgullo dado que é unha maneira de visibilizar ao colectivo LGTBIQ+ e reivindicar a través da música. Dado o éxito acadado no mes de febreiro, cremos que é unha boa opción repetir a experiencia, tanto para quen queira volver desfrutar do talento local como para quen non tivo ocasión de asistir con anterioridade”. Durante a súa intervención, a edil tamén enxalzou o labor da orquestra Sons que “se erixe como un axente activo na vida cultural do noso municipio.”

O coro Cores é outra das entidades que colaboran con este concerto como indicou o director da orquestra, Álex Millet, xunto a Araceli Filgueira e Ana García, integrantes da directiva.

A venda das entradas comeza no luns, 11 de maio, a partir das 09.00 horas. Como xa é habitual, farase paralelamente na páxina webwww.ataquilla.com e de maneira presencial na Oficina de Atención Cidadá da casa consistorial. Para aquelas persoas que opten por adquirilas nas dependencias municipais, o horario será de luns a venres, de 09.00 a 14.00 horas. O prezo sitúase nos 30 euros, máis gastos de xestión. A apertura de portas farase 45 minutos antes do inicio da actuación e tamén terán preferencia no acceso as persoas con necesidades especiais.

Deja un comentario