— A directora xeral de Xuventude visita o alumnado do instituto Xulián Magariños de Negreira que forman parte da iniciativa
— Avanza que un dos obxectivos do Plan estratéxico de Xuventude é continuar achegando este voluntariado a máis centros
— Desde a súa posta en marcha, a iniciativa suma máis de 7.300 participantes e neste curso está presente en 36 centros
A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, salientou hoxe a “importante contribución á saúde emocional da mocidade” que supón o Programa Correspondentes Xuvenís. Así o destacou na visita ao alumnado do instituto Xulián Magariños do municipio coruñés de Negreira, que forman parte desta iniciativa coa que a Xunta de Galicia procura xerar, segundo destacou, “unha canle de comunicación directa cos estudantes e favorecer entre eles a transmisión de información do seu interese”.
Neste encontro, a representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude incidiu no compromiso do Goberno galego coa mocidade e avanzou que un dos obxectivos do Plan estratéxico de Xuventude, posto en marcha o pasado ano, é achegar este programa de voluntariado a un maior número de centros de ensino “e así mellorar o grao de información da xente nova”, apuntou.
No marco da visita, Lara Meneses agradeceu o traballo do alumnado e do profesorado do instituto Xulían Magariños de Negreira ao abeiro desta iniciativa, na que recordou “xa teñen participado máis de 7.300 mozos desde o seu inicio en 2013”. En todo caso, avanzou que desde a Xunta o obxectivo é continuar ampliando o número de correspondentes “dado á súa importancia á hora de potenciar as habilidades comunicativas dos estudantes, por favorecer a que asuman responsabilidades e á transmisión de valores como a colaboración e o liderado”, remarcou.
Tal e como salientou a directora xeral de Xuventude, programas como este, cuxa presente edición conta cun total de 305 alumnos repartidos en 36 en centros educativos de toda Galicia, impulsan o desenvolvemento de habilidades desde a educación non formal como o traballo en equipo, a oratoria, a creatividade ou a iniciativa.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.