Friday 08 de May de 2026

A Piscina de Riazor acollerá este venres a Fase Final da Liga Galega de Clubs de Natación 3D


A competición reunirá a seis equipos galegos nunha xornada decisiva na loita polo ascenso e a promoción

A Piscina de Riazor acollerá este sábado, 9 de maio, a Fase Final da Liga Galega de Clubs de Natación 3D, unha das citas máis relevantes do calendario autonómico da natación galega e que contará coa participación de seis equipos na loita polo ascenso e a promoción de categoría.

A competición disputarase en dobre sesión, coa quenda de mañá prevista para as 10.30 horas e a sesión de tarde ás 17.00 horas.

Na fase de ascenso competirán o Club del Mar de San Amaro, o CN Boiro e o CN Liceo.
Pola súa banda, na fase de promoción participarán o CN Xove, o CN Vilagarcía e o CN Ordes.

O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, destacou a importancia de que a cidade acolla “un evento deportivo de referencia para a natación galega, que permitirá ademais poñer en valor o traballo de base e a traxectoria dos clubs coruñeses na formación deportiva”.

Vázquez puxo tamén en valor “o esforzo organizativo dos clubs participantes e o papel das entidades deportivas da cidade á hora de promover hábitos de vida saudables e fomentar o deporte entre a cidadanía”.

A cita terá ademais un significado especial para o Club del Mar de San Amaro, que afronta a competición como anfitrión e coa oportunidade de conseguir o ascenso diante da súa afección nunha xornada clave para a súa sección de natación.

O Goberno de Inés Rey continúa apoiando a celebración de competicións deportivas na cidade, favorecendo a promoción da actividade física e consolidando A Coruña como sede de eventos deportivos de ámbito autonómico e estatal.

Deja un comentario