Friday 08 de May de 2026

O Concello de San Sadurniño manterá tres días máis a oficina de atención veciñal polas notificacións das limpezas de faixas arredor dos núcleos


O Concello de San Sadurniño deciciu ampliar uns días máis o servizo de información e axuda á veciñanza que recibise notificacións sobre a limpeza das faixas de protección arredor dos núcleos. A oficina, situada ao lado do salón de plenos, abrirá tamén o martes 12, o xoves 14 e o venres 15 de maio cos mesmos horarios: de 10:00 a 13:00h e de 16:30 a 18:00h.

Desde o consistorio lémbrase que este servizo se dirixe preferentemente a persoas ás que lles chegase unha notificación e que, neste sentido, para poder ofrecer unha axuda máis precisa e evitar demoras na atención é necesario levar a carta ou cartas que se recibisen, ou ben a relación de referencias catastrais das fincas afectadas.

Ademais, o Concello habilitou un espazo específico na web www.sansadurnino.gal con toda a información sobre o proceso de notificacións masivas -enviáronse máis de 1.900- relativas á obriga de xestión da biomasa arredor de núcleos e vivendas illadas, que debe estar completada antes do 31 de maio de cada ano.

Na web municipal tamén se atopa a ligazón ao visor de faixas de protección e ao formulario para presentar alegacións, entre elas a solicitude de ampliación do prazo para facer as limpezas por non dispoñer de medios nin atopar quen poida facer o traballo dentro do prazo de 15 días dado pola Administración.

Deja un comentario