Os equipos locais encabezan a clasificación xunto co Numancia de Ares
Os resultados da penúltima xornada poden decidir quen consegue a única praza de ascenso directo e quen deberá disputar o play-off
O campo de fútbol da piscina vivirá este domingo a partir das 18:30h un dos partidos máis apaixoantes dos últimos anos. A falta de dúas xornadas para que remate a liga, o CF San Sadurniño e a UDC Narahío marchan na cabeza da táboa e, xunto co Numancia de Ares, con opcións a conseguir a única praza de ascenso directo a primeira rexional. Así as cousas, os rivais históricos saltarán á cancha coma se dunha grande final se tratase. Ao San Sadurniño chégalle con ganar, mentres que a escuadra amarela depende de matemáticas algo máis complexas para non ter que xogar playoff co Numancia. En calquera caso, o domingo volve o noso derbi cun partidazo de máxima rivalidade, intensidade e emoción.
A páxina en Instagram @ferrolterraenxogo publicou hai dous días un cadro que explica de maneira moi clara e sintética ata que punto están apretadas as cousas neste momento e cales son as posibles combinacións de resultados para que calquera dos tres primeiros clasificados poida subir directamente a primeira.
O CF San Sadurniño é o mellor situado, cun total de 65 puntos acumulados tras unha liga impecable. Detrás del vai o Narahío con 62 e en terceiro lugar a ADR Numancia de Ares, que xunta 61. Faltan dous partidos, o desta fin de semana e o da semana que vén, de xeito que con esa diferenza de puntos aínda non hai nada decidido.
A frase que define a situación é a tan manida do xornalismo deportivo “pode pasar de todo” e, efectivamente, pode pasar de todo, aínda que sexa o Sansa quen se encontre nunha posición máis favorable para rematar como campión de liga e novo equipo de primeira.
O escenario máis doado sería ganarlle ao Naraío para ter garantido o ascenso directo. Outra posibilidade, algo menos favorable, é asinar un empate este domingo e que o Numancia gane os dous partidos que lle quedan, de modo que os laranxas terían que empatar de novo na última xornada contra o Cariño para subir directamente.
A terceira situación que se pode dar é que o Sansa perda contra o Narahío por menos de dous goles de diferenza. Seguiría mantendo o liderado, pero precisaría ganar si ou si na última xornada se o Narahío vence na Veiga ao Narón ou se o Numancia gana os seus dous partidos, un co Perlío B na casa e outro co Miño B a domicilio.
Por último, se o San Sadurniño perdese este domingo na Piscina contra a UDC Narahío por máis de dous goles, precisará ganar a semana que vén contra o Cariño e, ademais, que o Narahío perda contra o Narón.
Se o Narahío quere obter pase directo a primeira necesitará gañar os dous partidos que lle faltan e que, ademais, a victoria contra o San Sadurniño sexa por máis de dous goles de diferenza. Se gana por un gol e ademais se dá a circunstancia de que volve ganar a semana que vén e o San Sadurniño empata ou perde co Cariño, a UDC Narahío tamén sería campioa. A terceira posibilidade é empatar ou perder o domingo na piscina, de maneira que iría directo ao playoff para pelexar pola segunda praza do ascenso a Primeira Rexional.
O terceiro equipo na cabeza da táboa, o Numancia de Ares, ten que garan os seus dous partidos para conseguir o ascenso directo, e ademais que o Sansa e o Narahío empaten entre si e perdan na última xornada contra o Cariño e o Narón, respectivamente. Calquera outra combinación matemática aboca ao Numancia a ter que xogar a promoción de ascenso tendo como compañeiro a algún dos outros dous.
Polo tanto, emoción ao máximo nesta recta final da liga… e tamén máxima expectación ante un partido no campo da Piscina que comezará ás 18:30h con ambiente de grande final.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.