· Un total de nove agrupacións daranse cita na tarde do vindeiro domingo, 10 de maio a partir das 18:00 horas, no Paseo do Balneiro en Arteixo, en caso de choiva a actividade trasladarase ao Campo da Festa.
· “Será unha tarde na que a música e o baile tradicional van ser protagonistas a pé de rúa para goce da veciñanza e visitantes que veñan por Arteixo o domingo, pero nomeadamente para as bailadoras e bailadores que participarán”, explica Uxía Verdía, presidenta da A.X. Xiradela.
· Participarán agrupacións chegadas da contorna como: A Coruña, A Laracha, Oleiros, Vimianzo, Sada, Betanzos, Carballo e Arteixo.
A 38ª edición do Día da Muiñeira de Arteixo, que ano tras ano organiza a A.X. Xiradela, terá lugar o vindeiro domingo, 10 de maio, a partir das 18:00 horas no Paseo do Balneario. En caso de choiva, a actividade trasladarase ao Campo da Festa como xa ten acontecido en anos previos. A peza escollida para esta ocasión, e que executarán de xeito conxunto todos os grupos de baile, é a ‘Muiñeira de Santaia de Moar”.
O Día da Muiñeira de Arteixo suma, con esta, 38 edicións poñendo en valor esta peza tradicional e reunindo ao son deste ritmo a bailadores e bailadoras chegados de diferentes puntos da contorna. “Será, como en anos anteriores, unha tarde na que a música e o baile tradicional van ser protagonistas a pé de rúa para goce da veciñanza e visitantes que veñan por Arteixo o domingo, pero nomeadamente para as bailadoras e bailadores que participarán nesta edición do ano 2026”, comenta Uxía Verdía, presidenta da A.X. Xiradela que organiza un ano máis esta cita.
Nesta ocasión participan nove agrupacións. Estímase que ao redor de 200 persoas estarán bailando a mesma peza a un tempo no Paseo do Balneario de Arteixo. O público poderá seguir ao vivo esta proposta cultural a pé de rúa, polo que se agarda unha tarde con moito ambiente no concello arteixán.
“O noso folclore está moi vivo e as novas xeracións, que son as grandes protagonistas do noso Día da Muiñeira, son proba diso. Queremos sumar para que a xente desfrute da nosa cultura, gozar do noso nas rúas das nosas vilas e cidades”, apunta Uxía Verdía.
A lista de agrupacións que tomarán parte do XXXVIII Día da Muiñeira de Arteixo está formada por:
Colexio Sagrado Corazón Franciscanas (A Coruña)
A.C. Garrulaxe de Cecebre (Cambre)
Asociación Cultural Nemeth (Carballo)
A.C. Santa María de Torás (A Laracha)
A.M.D.T. Queiroa (Sada)
A.C. Trubisquiña (Vimianzo)
Escola Municipal de Folclore Azougue de Betanzos (Betanzos)
Asociación Cultural A Marola (Oleiros)
A.X. Xiradela (Arteixo)
Cada grupo terá reservado un espazo concreto ao longo do Paseo do Balneario onde se irán colocando ao arranque do acto. Ata en tres ocasións bailarán os grupos a ‘Muiñeira de Santaia de Moar’ a un tempo. Santa Eulalia de Moar, chamada oficialmente Santaia de Moar, é unha parroquia do concello coruñés de Frades.
Cada un deses grupos executará os puntos e as voltas que elixiu para esta actuación. Entre cada un dos tres pases haberá un descanso. A adaptación da peza contará con catro puntos e cinco voltas.
Nesta cita dominical, organizada pola A.X. Xiradela desde o ano 1987, colaboran o Concello de Arteixo, Vegalsa – Eroski e Comercial Sánchez Vado.
Ao final da cita as asociacións participantes recibirán un detalle en lembranza pola súa participación no XXXVIII Día da Muiñeira de Arteixo. Tamén se lles repartirá unha merenda aos bailadores e bailadoras participantes.
QUEN É XIRADELA
A Asociación Xuvenil Xiradela, radicada no concello de Arteixo, nace no ano 1982 co obxectivo de recuperar o noso folclore e gozar do tempo de lecer, así como de colaborar con outras asociacións ou entidades que lle permiten, por un lado difundir o seu traballo, e por outro, axudan a promover a socialización da rapazada con xente doutras asociacións.
Comezou impartindo a actividade de baile tradicional, e despois ampliou ás actividades de pandeireta e canto tradicional, gaita e percusión.
A partir do ano 1984 créase un grupo de investigación para a recollida de música, cantigas, literatura oral, costumes, bailes e traxes dos nosos devanceiros, a súa recuperación e divulgación, que pretende ser o máis fiel posible coa máis pura tradición galega.
Ademais do concurso de música, dende o ano 1987 e de xeito continuo vén celebrando o Día da Muiñeira en Arteixo no mes de maio. Trátase dunha exhibición na rúa de bailadores e bailadoras da peza máis emblemática do noso folclore que alcanza a 38.ª edición neste ano 2026.
No caso do Concurso de Música Tradicional é un acontecemento que nacía no ano 2000 coa intención de promover a participación das escolas de música tradicional para que a mocidade puidese ter máis actuacións e relacionarse entre si, e facilitar deste xeito o coñecemento da nosa cultura. A última edición foi a 26.ª




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.