Friday 08 de May de 2026

O Concello de Fene adxudica as obras de mellora da rúa da Fonte por 173.000 euros


A actuación permitirá renova o firme e mellorar a drenaxe nun dos principais accesos ás praias fenesas na ría de Ares

O proxecto inclúe a ampliación da sección de paso en varios puntos para reforzar a seguridade viaria e peonil

O Concello de Fene vén de adxudicar as obras de mellora da rúa Fonte, cun investimento de 173.075,6 euros, nunha actuación considerada estratéxica tanto polo importante número de vivendas existentes na contorna como por tratarse dun dos principais accesos ás praias fenesas do litoral da ría de Ares, especialmente aos areais do Coído e Río Sandeu.

O vial presenta actualmente unha situación de desgaste que fai necesaria a renovación do firme e a mellora das condicións xerais de circulación e drenaxe. O proxecto contempla o mantemento da canalización de augas fecais existente e a mellora da recollida de augas pluviais mediante a instalación dunha nova rede canalizada, composta por colectores de PVC de 250, 315 e 400 milímetros de diámetro, así como os correspondentes pozos e sumidoiros.

Con esta actuación preténdese dotar á vía dun sistema de drenaxe máis funcional e adaptado á configuración do trazado, evitando acumulacións de auga nos límites da calzada e mellorando o comportamento da infraestrutura ante episodios de choiva intensa.

Ademais, aproveitarase a intervención para realizar unha ampliación da sección de paso en varios puntos da zona seleccionada, co obxectivo de mellorar a seguridade e accesibilidade ás vivendas actuais e optimizar tanto o tránsito rodado como o peonil, reducindo os riscos derivados das irregularidades existentes na calzada.

Unha actuación moi necesaria

A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, destacou que se trata “dunha actuación moi necesaria, tanto polo servizo que presta á veciñanza como pola súa relevancia como acceso ao litoral”. A rexedora subliñou tamén que “seguimos apostando pola mellora das infraestruturas básicas e pola seguridade viaria, especialmente en puntos que soportan unha circulación importante ao longo do ano”.

Permuy incidiu ademais en que “esta obra permitirá modernizar un vial que presentaba problemas evidentes de desgaste e drenaxe, mellorando as condicións de mobilidade e accesibilidade para residentes e persoas usuarias”.

O prazo estimado de execución das obras será de catro meses, e contan con financiamento da Deputación da Coruña a través do POS+Adicional 2/2025.

Deja un comentario