Friday 22 de November de 2024

A Festa da Troita de Oroso márcase o obxectivo de chegar aos 30.000 visitantes na súa vixésima edición, que terá lugar do 6 ao 8 de maio


Durante o domingo degustaranse en Sigüeiro uns 3.500 quilos de troita na Alameda de Góis e nos 39 establecementos adheridos

O Concello de Oroso ultima os detalles da XX Festa da Troita, que terá lugar do 6 ao 8 de maio. “E neste aniversario tan especial, dende o Concello quixemos elaborar un programa que incluíse actividades para todos os gustos e para todas as franxas de idade. Queremos que todos deixen a un lado as preocupacións do día a día e o pasen o mellor posible durante estes tres días”, explica o alcalde de Oroso, Manuel Mirás.

Mirás atribúe o éxito desta festa, a primeira declarada Festa de Interese Turístico da comarca de Ordes, a que “non deixamos de reinventarnos cada ano, medrando e mellorando ano tras ano. Así, a base de moito traballo e esforzo, convertemos á Troita nun dos grandes referentes gastronómicos, culturais, lúdicos e festeiros de Galicia”.

Iso fai que Luís Rey Villaverde, concelleiro de Cultura e coordinador da Festa da Troita, indique que “se o tempo volve acompañar penso que podemos superar con creces os 25.000 visitantes do ano pasado e achegarnos máis ás 30.000 persoas. Para iso contamos tanto cun atractivo cartel de orquestras coma cun récord de participación na degustación de troitas do domingo”.

Música

A música será un gran referente da XX Festa da Troita. Así, do 6 ao 8 de maio o Festival Oroso en Vivo traerá á alameda de Góis ás mellores orquestras de Galicia: Cinema e París de Noia (Venres 6), Metrópolis e Los Satélites (Sábado 7) e Bahía Blanca e Combo Dominicano (Domingo 8). Tamén se mantén no programa unha das grandes sorpresas das últimas edicións: a exhibición de baile, só que este ano cambia o baile moderno polo baile latino e mantén o country. A cita é o sábado 9 de maio, ás 19:00 horas na praza de Isaac Díaz Pardo.

Canda eles actuarán un ano máis os distintos grupos locais, que realizarán varios pasacalles e actuacións. Así, o sábado 7 de maio a Asociación Folclórica Lembranzas do Tambre e a Asociación Cultural Néboas no cumio farán un pasacalles ás 19:00 horas e actuarán na praza Isaac Díaz Pardo, ás 19.45 e 20:30 horas, respectivamente. Para o domingo 8 de maio quedan a Agrupación Folclórica Buxos Verdes (12:00 horas) e a Asociación Cultural Amigos do Acordeón de Sigüeiro-Oroso (18:00 horas). Durante o domingo tamén actuará a Charanga BB+ (ás 10:30 e ás 16:30 horas).

Feira da Artesanía e Feira da Cervexa Artesá

Outro aspecto cultural que se mantén un ano máis é a Feira da Artesanía e os Oficios, que contará este ano cuns 25 postos, entre os que se inclúen casetas de artesanía e de alimentación artesanal, carrusel de animais mitolóxicos e distintos espectáculos ao público durante a fin de semana. A feira poderá visitarse o sábado e o domingo, en horario de 11:30 a 21:30 horas.

Dentro deste mercado medieval tamén volverá ter un oco a Feira da Cervexa Artesá de Sigüeiro, que este ano cumprirá a súa segunda edición. Organizada por ADICCAG (Asociación para la Divulgación de la Cerveza Artesana de Galicia), a feira ten por obxectivo dar a coñecer as cervexas artesás que se están a elaborar en Galicia, para o que presentarán máis de 30 variedades de cervexa. Como novidade, este ano haberá un sorteo de lotes de cervexa artesá e un cortado profesional de xamón.

Arte na rúa

Os que tamén repetirán este ano son os artistas da Asociación de Amizade e das Artes Galego Portuguesa, que reunirá a unha decena de artistas locais e portugueses. “Ademais de amosar as súas creacións na sala de exposicións do centro cultural de Sigüeiro, todos os que se acheguen o sábado á mañá por Sigüeiro poderán ver como é o proceso de creación destes destacados artistas, que estarán na praza Isaac Díaz Pardo e no Paseo do Carboeiro amosando as súas técnicas e creacións”, explica Luís Rey Villaverde. A inauguración da exposición terá lugar mañá venres 6 de maio, ás 20.30 horas, no centro cultural de Sigüeiro.

Degustación de troitas

Así mesmo, Rey Villaverde tamén destaca que a degustación de troitas que terá lugar o domingo 8 de maio superará o récord de establecementos colaboradores: pois contará coa participación de 39 bares e restaurantes, que ofrecerán troitas con cada consumición. Luís Rey destaca e agradece “a colaboración destes establecementos que participan na degustación de troitas e que fan un investimento importante para poder agasallar aos seus clientes”. Unha degustación de troitas que se celebrará de xeito paralelo á organizada polo Concello de Oroso na Alameda de Góis, que repartirá 300 quilos de troita ás 12:30 horas e que estará amenizada pola Charanga BB+.

“Falando cos propietarios dos establecementos participantes, comentaron que teñen reservado entre 80 e 100 quilos de troita para a degustación do domingo 8 de maio, polo que calculo que podemos estar falando de máis de 3.500 quilos de troita”, explica o coordinador da Festa.

Pesca e pregón

En canto á parte deportiva da festa, o sábado terá lugar o tradicional concurso de pesca, que mantén os cambios realizados en 2012, polo que se disputará baixo a modalidade de pesca sen morte e de acordo coas normas da Federación Galega de Pesca. Ademais, o Concello de Oroso non se esquece da poboación infantil que, ademais de poder tomar parte o domingo no Campionato de Pesca Infantil no río Carboeiro, tamén poderá participar nuns obradoiros infantís (sábado, de 11:00 a 13:00 horas), na actuación de Peter Punk co espectáculo circense “Peor Imposible” (sábado, ás 18:00 horas) e dos xogos populares de Garabato de Xogos (domingo, de 11:30 a 13.30 horas). Todas as actividades infantís será na praza Isaac Díaz Pardo.

O pregón deste ano será ofrecido polo presidente da Deputación Provincial da Coruña, Valentín González Formoso, o domingo 8 de maio ás 13:30 horas, coincidindo coa entrega de premios do campionato de pesca. Un acto que será presentado polo actor Luís Iglesias e que rematará cun xantar popular na carpa anexa á Alameda de Góis, para o que se poderán comprar as entradas nunha caseta na propia alameda.