Thursday 07 de May de 2026

Unha trintena de persoas participa na apertura das novenas xornadas saudables de Ribeira


 Constan de catro obradoiros a desenvolver ao longo do mes de maio

As novenas xornadas saudables promovidas polo Concello de Ribeira, coa colaboración da Escola Galega de Saúde para Cidadáns, comezaron hoxe no Centro Cultural Lustres Rivas co obradoiro sobre coidado ao coidador impartido pola enfermeira da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada da Coruña, Marichel Costas. Unha trintena de persoas participa na apertura desta novena edición do programa que, a través de catro talleres coas prazas completas, busca mellorar a calidade de vida da cidadanía, especialmente, de pacientes, familiares e persoas coidadoras.

Na inauguración desta nova convocatoria, o concelleiro de Servizos Sociais, Vicente Mariño, manifestou que “é crucial que os coidadores non se sintan sós, que non queden relegados a un segundo plano por estar a carón do paciente. A súa saúde tamén é importante. Non só por garantir unha atención correcta a quen precisa da súa axuda, senón tamén por amor propio, por non esquecerse dun mesmo.

Porque coidar non debe implicar nunca renegar ao autocoidado.”
O programa continuará no día 14 con Orlando Blanco, técnico do Servizo de Estilos de Vida Saudables e Educación para a Saúde da Consellería de Sanidade, para falar sobre estilos de vida saudable mindfulness.

Xa no día 21 será a quenda da musicoterapia, a cargo de Damián Cairo, profesor de música no Conservatorio Profesional da Coruña. E chegará ao seu fin no día 28 cunha xornada centrada na seguridade e coidados no fogar sobre o que falará Ana Isabel Calvo, enfermeira da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas. A veciñanza asistente recibirá o seu correspondente certificado de participación.
“Como poden constatar ao ver o programa, estas novenas xornadas poñen o foco na saúde mental e nas emocións. Queremos, polo tanto, ir máis alá do físico, porque acadar o benestar é un equilibrio entre corpo, mente e emocións”, declarou o edil.

Deja un comentario