A concelleira socialista Marta Abal alerta de que, a metade da vixencia do convenio coa Deputación, o Concello aínda non licitou as obras malia contar co proxecto desde xuño de 2025.
O grupo socialista advirte de que o atraso pode impedir executar unha actuación “imprescindible” para a práctica deportiva e para garantir a seguridade da instalación.
A concelleira do Grupo Municipal Socialista Marta Abal denunciou a falta de avances na modernización do Estadio Verónica Boquete, unha actuación financiada a través dun convenio entre o Concello de Santiago e a Deputación da Coruña que, segundo advertiu, está bloqueada pola falta de planificación do goberno da señora Sanmartín.
Abal lembrou que “hai case medio ano que o Concello de Santiago e a Deputación da Coruña asinaron un convenio de colaboración para modernizar e mellorar a seguridade das instalacións do Estadio Verónica Boquete”, un proxecto que cualificou de estratéxico para a cidade e que conta cun investimento de “case 1,3 millóns de euros, cunha achega maioritaria por parte da Deputación”.
A edil socialista criticou que, chegados ao ecuador da vixencia do acordo, non se teñan producido avances reais, xa que segundo comenta a concelleira, “o goberno local aínda non licitou as obras, a pesar de que dispón do proxecto de reforma desde xuño de 2025”, incidindo en que esta situación evidencia unha clara falta de planificación.
Neste sentido, Abal advertiu de que o tempo dispoñible xa é moi limitado para cumprir cos prazos establecidos e que “todo indica que cos meses que quedan por diante non dará tempo a licitar e executar unha actuación imprescindible para a actividade deportiva na nosa cidade”, sinalou, alertando do risco de perder unha oportunidade clave para mellorar esta infraestrutura.
A concelleira socialista enmarcou este atraso nun problema máis amplo de xestión por parte do executivo municipal, afirmando que “unha vez máis, a falta de planificación do goberno do BNG está atrasando un proxecto fundamental”, afirmou, subliñando que esta dinámica está a afectar a iniciativas estratéxicas para Santiago.
Abal puxo o foco tamén nas consecuencias que esta situación ten para a cidadanía e para o tecido deportivo, “a cidade non pode seguir esperando por esta renovación que poñerá fin ao deterioramento progresivo do edificio”, advertiu, ao tempo que destacou que a actuación permitirá “que deportistas, clubs e veciñanza utilicen a infraestrutura con todas as garantías”.
Finalmente, a edil socialista incidiu na importancia de contar cun estadio á altura das necesidades de Santiago. “Falamos dunha instalación que debe estar preparada para acoller eventos de primeiro nivel”, concluíu, reclamando ao goberno municipal que actúe con urxencia para evitar que este proxecto quede paralizado.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.