Thursday 07 de May de 2026

Xuxán celebrará esta fin de semana as súas primeiras festas de barrio


Inés Rey será a encargada de ler o pregón este sábado no núcleo máis recente en sumarse aos barrios da cidade

Esta fin de semana celébranse as primeiras festas do barrio de Xuxán, un acontecemento importante que demostra a consolidación da vida veciñal nun dos barrios máis novos da cidade, que aínda segue a crecer co desenvolvemento de proxectos urbanísticos e a ampliación continua dos servizos públicos na zona.

A alcaldesa, Inés Rey, acompañará a veciñanza neste acontecemento que pon de relevo o crecemento da urbe e o nacemento dunha nova identidade que pasa a formar parte da grande identidade compartida coruñesa. A rexedora será a encargada, o sábado ás 14.00 horas, de ler o pregón, ao que seguirá un programa cargado de actividades para todas as idades. Antes do pregón, os festexos comezarán cunha chocolatada con churros ás 11.00 horas e un taller divulgativo de reciclaxe ás 12.00 horas.
“Como alcaldesa non podo explicar con palabras o orgullo que sinto ao ver que o desenvolvemento da cidade estea a permitir que áreas urbanas de recente creación empecen a forxar o sentido de comunidade que comparten todos os barrios coruñeses. Xuxán é unha aposta estratéxica deste Goberno local e un factor crucial para afrontar unha expansión moderna, sostible e que mellore a calidade de vida das súas persoas residentes”, apuntou a alcaldesa, quen recordou o recente investimento de 10 millóns de euros executado alí e que permitou convertir Xuxán nun barrio real, con rúas, parques infantís e zonas verdes e conectado co veciño Matogrande.

O programa completo inclúe:

Sábado 9 de maio
– 11.00: Chocolate con churros
– 12.00: Xogando a reciclar
– 14.00: Pregón de Inés Rey
– 14.15: Sesión vermú
– 16.30: Actividades infantís inchables e Festa da escuma
– 18.30: Nova Trova Coruñesa
– 21.30: Concerto 80-90’s de Pablo Balseiro
– 22.30: Acendido
– 23.15: Sesión DJ

Domingo 10 de maio
– 11.00: Pasarrúas a cargo de Folerpas
– 12.00: Xogos tradicionais a cargo da asociación veciñal
– 13.30: Sesión vermú con Os kibbis
– 15.30: Sesión musical xuvenil
– 17.00: Tardeo 80-90’s con DJ

O Concello fai unha aposta decidida de apoio a todos os barrios para que celebren as súas festas veciñais. Este ano, o investimento supera os 500.000 euros para as 28 festas, ata 20.000 euros para cada unha das asociacións, co requisito de que as programacións sexan de carácter aberto e gratuíto. Entre os gastos subvencionables están os cachés, alugueiro de equipos de son, transporte de materiais, iluminación, instalación eléctrica, seguros e aqueles que directamente sexan precisos para organizar as festas.
“As festas de barrio fan comunidade e crean vínculos, por iso o Concello acompaña todos os anos á veciñanza e apoia con fondos municipais as celebracións, sempre en diálogo coas asociacións para asegurar a programación de actividades abertas”, indicou Rey.

Deja un comentario