Thursday 07 de May de 2026

Belén do Campo e o alcalde de Outes abordaron as necesidades do concello de limpeza e mantemento forestal


A delegada da Xunta destacou a importancia da colaboración institucional entre ambas administracións para dar resposta ás demandas dos veciños de Outes e avanzar na mellora das infraestruturas e servizos públicos

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, mantivo unha xuntanza de traballo co alcalde de Outes, Francisco Calo, no marco da rolda de encontros que está a desenvolver cos rexedores da provincia co obxectivo de avaliar as necesidades prioritarias dos distintos municipios.

No encontro, puxeron en valor o Plan Rural Activa, unha iniciativa da Xunta orientada a fomentar o emprego e mellorar os servizos no rural, contribuíndo á fixación de poboación e á mellora da calidade de vida nestes territorios. Ao abeiro deste programa, o Concello de Outes contará cun investimento de preto de 51.000 euros que permitirá a contratación de dous peóns e un tractorista para a realización de traballos de limpeza e mantemento en diferentes puntos do municipio.

Durante a reunión, ambas administracións destacaron tamén o compromiso do Concello coa prevención de incendios forestais, lembrando que Outes está adherido ao convenio de protección das franxas secundarias, desenvolvido en colaboración coa empresa pública Seaga. Neste sentido, puxeron en valor a importancia de dar cumprimento ás actuacións recollidas neste acordo. Belén do Campo destacou que se seguirá ofrecendo a posibilidade de que Seaga realice execucións en ata 10 hectáreas por concello e ano fóra das parroquias priorizadas, e a limpeza de 12 quilómetros de vías municipais.

A delegada territorial aproveitou o encontro para lembrar a importancia de que a veciñanza cumpra coa súa obriga de manter limpas as franxas secundarias de protección antes do 31 de maio, tal e como establece a normativa vixente. Estas franxas deben permanecer libres de biomasa e especies prohibidas co obxectivo de reducir o risco de propagación dos incendios e garantir a seguridade das persoas, vivendas e núcleos de poboación.

A representante do Goberno autonómico tamén lembrou que este Concello esta adherido ao convenio para prevención e defensa contra incendios forestais, para financiar diferentes accións preventivas, de vixiancia e defensa contra o lume.

Pola súa banda, o alcalde trasladoulle á representante autonómica a necesidade de que este ano se leven a cabo novas actuacións de prevención de incendios por parte da Consellería do Medio Rural en diferentes zonas do municipio, especialmente na limpeza de camiños e contornas de vivendas illadas consideradas de maior risco.

Belén do Campo puxo en valor o esforzo inversor da Xunta neste tipo de actuacións preventivas, incidindo en que “a anticipación e a planificación son ferramentas fundamentais na loita contra os incendios, polo que resulta imprescindible actuar durante todo o ano na conservación e mellora destas infraestruturas forestais”.

Así mesmo, lembrou que a Xunta mantén unha aposta continuada pola prevención como eixo prioritario da política forestal galega, complementando os dispositivos de vixilancia e extinción con investimentos destinados á ordenación, limpeza e protección do monte.

Durante a visita, a delegada explicou que, no conxunto da comunidade, está previsto actuar este ano nunha superficie de 33.880,41 hectáreas a través de distintas actuacións silvícolas e preventivas, entre as que se inclúen traballos en áreas cortalumes, creación e mantemento de faixas auxiliares, mellora de pistas forestais, queimas prescritas, así como accións desenvolvidas ao abeiro das subvencións para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios e das colaboracións coas entidades locais.

Socorristas
Finalmente, Belén do Campo informou tamén de que o Concello de Outes contará cunha axuda de 7.500 euros para a contratación de socorristas durante a campaña estival.

Estas subvencións, concedidas en réxime de concorrencia competitiva, están destinadas á prestación do servizo de vixilancia, rescate e salvamento nos espazos acuáticos naturais ou instalacións acuáticas descubertas de titularidade municipal entre o 1 de xuño e o 30 de setembro. Con esta liña de axudas, a Xunta busca fomentar a prestación do servizo de socorrismo por parte dos concellos nas épocas de maior afluencia de persoas usuarias.

Finalmente, a delegada da Xunta destacou a importancia da colaboración institucional entre a Xunta e o Concello para dar resposta ás demandas dos veciños de Outes e avanzar na mellora das infraestruturas e servizos públicos do municipio.

Deja un comentario