Regresa o Composfest, unha das propostas musicais máis destacadas da programación das Festas da Ascensión. O vindeiro 15 de maio, a Praza da Quintana converterase de novo no punto de encontro da música en directo en galego e da cultura urbana da cidade. 9louro, Lumedoloop e Saya protagonizan esta cuarta edición, que aposta por unha proposta sonora actual e de acceso gratuíto, cun cartel que reflicte o momento que está a vivir a escena galega.
9louro chega ao Composfest como unha das voces emerxentes da nova música urbana galega, formando parte dunha xeración que está a impulsar o uso da lingua. Co seu último álbum, Amorrer, presenta un universo propio no que mestura electrónica, ritmos urbanos e unha narrativa emocional ligada á realidade da súa xeración.
Tamén estará Saya, artista compostelá con raíces palestinas e proxección internacional, que achegará ao festival unha sesión marcada pola diversidade sonora e pola cultura de club. Como DJ, combina estilos como batida, arab club ou bass, construíndo unha proposta dinámica e aberta a diferentes formas de entender a música electrónica.
Completa o cartel Lumedoloop, o trío de hip hop compostelán formado por Jamas, Møu e DJ Mil. Cunha traxectoria de máis de dúas décadas, son referentes da escena galega e chegarán ao festival co seu primeiro LP, (Re)existencia, no que combinan poesía, denuncia social e cultura hip hop cunha identidade marcada e sen concesións.
Un ano máis, o Concello e a SD Compostela apostan por levar a música ao corazón da cidade, convertendo a Quintana nun espazo para vivir as festas doutro xeito. A concelleira de Festas, Pilar Lueiro, destacou a relevancia da escena galega actual en todo o panorama musical e subliñou que, como xa avanzara, o ComposFest trae á Quintana actuacións de artistas do talle de 9Louro, que estará nos principais festivais galegos e que xa encheu salas como a Capitol. O director xeral da SD Compostela, Miguel Fernández, defendeu que “queremos seguir sendo algo máis ca un club de fútbol: un motor cultural activo en Santiago, achegando propostas actuais a un escenario tan emblemático como é a praza”.
Tanto Pilar Lueiro como Miguel Fernández convidaron a toda a veciñanza e a todo o mundo a achegarse a gozar desta gran festa do venres 15, que consolida o ComposFest coma unha das citas imprescindibles das Festas da Ascensión.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.