O Palacio dos Deportes de Riazor reunirá participantes de 31 clubs galegos nas modalidades de freestyle, técnica, exhibición e combate escolar
O Palacio dos Deportes de Riazor acollerá esta fin de semana unha das principais citas do calendario autonómico de taekwondo coa celebración do Campionato Galego Escolar de Freestyle, Técnica e Exhibición, organizado pola Federación Galega de Taekwondo.
O evento, organizado pola Federación Galega de Taekwondo e o Gimnasio Sung Coruña, desenvolverase este sábado 9 de maio, entre as 08.00 e as 17.00 horas, e reunirá un total de 866 deportistas procedentes de 31 clubs de toda Galicia, ademais de 47 árbitros. A competición contará tamén cunha importante presenza de público ao longo da xornada.
As probas de freestyle individual e exhibición servirán ademais como clasificatorias para o Campionato de España. O presidente da Federación Galega de Taekwondo, Juan Carlos Eiriz, estará presente durante o desenvolvemento da competición.
A programación deportiva continuará o domingo 10 de maio coa celebración do Campionato Provincial Escolar de Combate da Coruña, tamén no Palacio dos Deportes e en horario de 08.00 a 17.00 horas.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, salientou que “A Coruña consolídase como sede de grandes citas do deporte base en Galicia”, ao tempo que puxo en valor a capacidade deste tipo de eventos para atraer á cidade centos de deportistas e acompañantes durante toda a fin de semana. Vázquez recordou que a promoción dos deportes para todas as idades é unha das apostas de Inés Rey na cidade desde o ano 2019.
Vázquez destacou ademais a relevancia social da competición, sinalando que “o deporte é tamén unha ferramenta de convivencia, esforzo e formación en valores”, especialmente entre a mocidade participante.
A competición contará ademais cunha fotógrafa oficial acreditada pola organización para cubrir o desenvolvemento das probas.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.