O Concello de San Sadurniño vén de aprobar a súa adhesión á Rede de Concellos contra o acoso escolar, impulsada pola Xunta de Galicia e a Fegamp co obxectivo de reforzar a prevención, detección e intervención ante situacións de acoso e ciberacoso no ámbito educativo. A iniciativa pretende consolidar unha rede territorial de apoio que favoreza a coordinación entre administracións, centros educativos, familias e comunidade local, promovendo unha cultura de convivencia positiva e tolerancia cero fronte a calquera forma de violencia entre o alumnado. A adhesión formalizouse mediante un decreto de Alcaldía que será levado ao próximo pleno da corporación para dar conta da resolución.
No documento asinado polo alcalde recóllese “a vontade do Concello de participar activamente” na rede impulsada pola Consellería de Educación e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) co foco posto en catro grandes eixos: sensibilización, prevención, formación e denuncia.
A través da rede poderanse compartir recursos e boas prácticas entre a Administración autonómica e os concellos, ademais de ofrecer apoio coordinado aos centros educativos, ás familias e ao alumnado “para garantir respostas máis rápidas e eficaces ante posibles situacións de acoso escolar”, comenta Secundino García Casal.
Entre os obxectivos establecidos figuran o fortalecemento da coordinación institucional para previr, detectar e abordar os casos de acoso e ciberacoso, o seguimento continuado destas situacións desde unha perspectiva territorial e o impulso de accións preventivas que contribúan a mellorar a convivencia nos centros educativos. O convenio tamén aposta pola formación especializada das persoas implicadas e polo desenvolvemento de programas adaptados ás necesidades de cada contorna local, xa que, tal e como apunta o rexedor “aínda que o acoso sexa un problema común a centros urbanos, periurbanos e rurais, en cada contexto xeográfico e social danse circunstancias e intensidades que poden ser distintas, e por iso é importante que as accións estean ben dimensionadas e adaptadas a cada realidade”.
Por outra banda, a rede recén creada -e aínda en expansión- tamén desenvolverá labores de observación, análise, asesoramento e difusión de información relacionada co acoso escolar. Ademais, converterase nun punto de referencia para os concellos adheridos, facilitando orientación técnica, apoio na elaboración de programas municipais e plans de formación dirixidos ao persoal das administracións locais.
No marco desta iniciativa tamén se prevé establecer acordos de colaboración coa Fiscalía Superior de Galicia e cos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, co propósito de reforzar a coordinación institucional e mellorar a capacidade de resposta ante situacións de acoso escolar e ciberacoso. De feito, tal e como sinala Secundino García Casal, o Concello “xa ten traballo avanzado”, posto que San Sadurniño e Moeche contan coa Mesa de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero -con implicación das administracións locais, centros de ensino, persoal técnico, Garda Civil e Centro de Saúde- “que podería atender tamén o deseño das estratexias locais referidas ao acoso escolar”.
Coa incorporación á Rede de Concellos contra o acoso escolar, San Sadurniño únese a “unha estratexia común e compartida” orientada a garantir o benestar e o desenvolvemento integral da infancia e da mocidade, “promovendo espazos educativos seguros, inclusivos e baseados no respecto mutuo”, conclúe o alcalde.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.