Thursday 07 de May de 2026

Román Rodríguez destaca o papel da II Feira da Educación, Formación e Emprego da Coruña na orientación do alumnado


— A iniciativa forma parte do calendario Galicia Educa con 16 feiras que apostan por novos modelos de orientación académica e profesional

— A cita, organizada pola Xunta e a Cámara de Comercio da Coruña, reúne 3.500 estudantes e máis de 43 expositores, con arredor de 27 centros de FP

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e o presidente da Cámara de Comercio da Coruña, Antonio Couceiro, inauguraron hoxe a II Feira de Educación, Formación e Emprego, organizada en colaboración por ambas entidades. Trátase dun evento integrado no calendario Galicia Educa, a estratexia da Xunta para dar a coñecer a oferta, formativa e profesional do alumnado a través de iniciativas innovadoras, prácticas e conectadas coa realidade socioeconómica.

O titular de Educación, que estivo acompañado pola directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, salientou que Galicia Educa “supón un salto na maneira de orientar ao alumnado, pasando dun modelo informativo a un modelo experiencial, no que os estudantes poden descubrir, probar e interactuar coas distintas opcións formativas e profesionais”. Nesta liña, subliñou que o obxectivo “é que cada alumno poida tomar decisións con maior coñecemento, máis seguridade e en función das súas capacidades e intereses”.

Román Rodríguez incidiu tamén na importancia da innovación como eixo vertebrador destas feiras. “Non se trata só de informar, senón de inspirar vocacións e espertar talento a través de metodoloxías activas, demostracións en directo e contacto directo cos centros e co tecido produtivo”, destacou. Por iso, a feira é un espazo dinámico de orientación, innovación e colaboración. O alumnado pode coñecer de primeira man a oferta de Formación Profesional e universitaria, así como participar en actividades prácticas, obradoiros e demostracións tecnolóxicas desenvolvidas polas distintas familias profesionais, como o manexo de drons ou un circuíto robótico.

O conselleiro resaltou o papel clave da Formación Profesional dentro de Galicia Educa, sinalando que a FP é hoxe “un referente pola súa capacidade de adaptación ás demandas do mercado laboral, pola súa conexión coas empresas e pola incorporación de proxectos innovadores que achegan ao alumnado ás profesións do futuro”. Ademais, puxo en valor a colaboración institucional e empresarial que fai posible este tipo de iniciativas.

II Feira de Educación, Formación e Emprego
O calendario Galicia Educa está conformado por 16 feiras distribuídas por toda a Comunidade, cun enfoque territorial que garante que o alumnado de distintas zonas poida acceder a recursos de orientación de calidade.

No caso desta II Feira de Educación, Formación e Emprego, que se celebra en Expocoruña, participan 27 centros de Formación Profesional, catro universidades, representación das Forzas Armadas, 11 empresas colaboradoras e a Cámara de Comercio da Coruña. A previsión de asistencia sitúase arredor dos 3.500 estudantes procedentes de distintos centros educativos que acoden ao espazo entre as 10,00 e as 14,00 horas e as 16,00 e as 19,00 horas.

Deja un comentario