Thursday 07 de May de 2026

A Banda da Escola Municipal de Música de Oleiros, finalista nos XIII Premios Martín Códax da Música


A Banda da Escola Municipal de Música de Oleiros foi seleccionada como unha das tres finalistas na categoría de Bandas de Música Popular da décimo terceira edición dos Premios Martín Códax da Música. Este recoñecemento, outorgado pola asociación Músicas ao Vivo, sitúa á formación oleirense entre os proxectos máis destacados do panorama musical galego actual.

A formación de Oleiros comparte nominación nesta categoría coa Banda de Música Municipal de Celanova e a Banda de Música Xuvenil de Torroso. A selección dos finalistas foi realizada por un xurado profesional entre máis de 400 candidaturas presentadas en toda Galicia.

Tras o anuncio oficial realizado onte en Cambados, ábrese agora a segunda fase do certame na que a cidadanía ten un papel fundamental. O gañador decidirase mediante unha ponderación ao 50% entre os votos das persoas asociadas a Músicas ao Vivo e o voto do público.

O Concello de Oleiros anima a toda a veciñanza a apoiar á nosa banda participando na votación popular, que permanecerá aberta dende hoxe mesmo e ata o 24 de maio na páxina web oficial: premiosmartincodaxdamusica.gal.

O nome dos proxectos premiados darase a coñecer o vindeiro 27 de maio nunha gala que se celebrará no Pazo da Cultura de Pontevedra. Esta nominación supón un importante recoñecemento ao traballo de formación, difusión e calidade artística que se realiza dende o Concello de Oleiros.

Deja un comentario