A Casa da Cultura de Fene acollerá este venres, ás 19 horas, a inauguración da exposición Antes da obra: el entrenamiento, do Laboratorio de Creación Artística Laudas Calamity de Fene. A mostra reúne unha selección de exercicios realizados ao longo do curso no centro e, “lonxe de presentar obras finais, pon o foco nos procesos de aprendizaxe que sosteñen a práctica artística”. Ademais, amosaranse obras realizadas con distintas técnicas (pintura ao temple, debuxo, escultura, gravado, cianotipia… e outros formatos contemporáneos).
A VI Mostra de Alumnos Laudas Calamity poderá visitarse na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura de Fene até o vindeiro 12 de xuño, en horario: de luns a venres, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas.
En “Antes da obra: el entrenamiento”, os traballos expostos —libros de artista, exercizos de debuxo ao carboncillo, estudos de técnica pictórica coma o temple, reinterpretacións de referentes artísticos e propostas experimentais.— forman parte do adestramento preciso para desenvolver unha ollada propia. Cada peza responde a unha consigna concreta e a unha investigación sobre materiais, linguaxes e formas de representación.
A través da repetición, o erro, a observación e a experimentación, o alumnado constrúe ferramentas que lle permiten enfrontarse á creación artística de xeito consciente e crítico. Neste senso, a exposición funciona coma un arquivo aberto da aula: un espazo onde se fan visibles as dúbidas, as decisións e os procesos que habitualmente permanecen ocultos.
Antes da obra: el entrenamiento “propón así unha mirada cara a aquilo que non adoita amosarse: o traballo previo, o ensaio e a procura que fan posible calquera resultado final”.
Laudas Calamity é unha escola de arte situada en Fene (A Coruña) que acolle un alumnado diverso e interxeracional, con idades comprendidas entre os cinco e os setenta anos. Dirixida pola artista e docente Laura Bouza, Laudas é un espazo no que a creación artística se entende como unha ferramenta de pensamento, comunicación e coñecemento do mundo.
A actividade no centro desenvólvese a través de proxectos que parten da reflexión sobre temas universais —como a beleza, a morte, a identidade ou a memoria— e que se concretan en procesos de traballo abertos, onde cada estudante elabora unha proposta persoal, conectada co seu modo de mirar, sentir e interpretar. O alumnado experimenta con técnicas diversas —debuxo, pintura, instalación, escultura, collage, entre outras— e fórmase nunha metodoloxía que prioriza a autonomía creativa, o rigor conceptual e a expresión simbólica.
En Laudas Calamity conviven nenos e nenas que comezan a construír a súa voz artística con persoas adultas que atopan na arte un camiño de exploración ou reencontro. A través do acompañamento próximo, pero respectuoso coa identidade de cada quen, o centro fomenta a creación de obras sinceras, complexas e cargadas de significado, que falan desde a experiencia individual, pero tamén desde o compromiso cun tempo e unha sociedade.
A mostra colectiva de fin de curso é a culminación dun proceso no que o alumnado non só aprende a facer arte, senón a pensar e vivir artísticamente e a o que lle dedican gran parte do curso.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.